O ciclo de pegadas e o maratón fotográfico, eixes do programa de marzo do Convenio Lugo Cultural
Representantes do Convenio Lugo Cultural presentaron este luns as actividades que se desenvolverán durante o mes de marzo, entre as que se atopan a fotografía, as rutas de sendeirismo, a música e unha exposición.
Unha das catro actividades previstas é unha nova edición do ciclo Pegadas, de rutas de sendeirismo, que presentará o seu programa o día 5 de marzo na Galería Sargadelos co título xenérico de ‘As catro estacións da natureza’. O ciclo consistirá en catro rutas á beira do Miño en distintas épocas do ano que se desenvolverán os días 8 de marzo, 6 de abril, 21 de setembro e 19 de outubro. Estes paseos estarán dirixidos por Xurxo Vivero, que realizará unha descrición da fauna e da flora da zona mentres Eduardo Ochoa indicará os lugares máis apropiados para a fotografía. Estas rutas rematarán cunha fin de semana no Courel, os días 28, 29 e 30 de novembro. Nesta última cita combinarase o sendeirismo, a observación da flora, a tradición e a literatura.
A saída das rutas será do mirador do parque Rosalía de Castro ás 10:00 horas de cada domingo, agás a primeira, que coincide en sábado a que comezará ás 16:00 horas. Cun total de 30 prazas por ruta, cada unha delas terá un custo de 4 euros, cun prezo total para os que asistan a todas de 13 euros. Na ruta do Courel terán preferencia aqueles que realizaran todas as rutas e o prezo será de 45 euros.
Paralelamente, se celebrará outra ruta polo Camiño Primitivo o día 21 de xullo, con saída ás 17:00 horas do barrio da Chanca e cun custo de 5 euros. Lois Diéguez actuará como lazariño.
A inscrición para estas rutas poderá realizarse na Oficina de Cultura do Campus de Lugo, situada na praza Pío XII, número 3, de Lugo. O prazo pecharase uns días antes da súa celebración. O día 6 será o último para apuntarse na primeira ruta.
Maratón fotográficoNo mes de marzo celebrarase tamén a edición número XIV do Maratón Fotográfico do Campus, unha das actividades máis consolidadas de Lugo Cultural. Este ano, por primeira vez, o maratón está aberto a toda a cidadanía en xeral, sempre que sexan maiores de 18 anos.
Como sempre, poderán participar tanto con cámara dixital como analóxica e se establecen varios premios. A novidade deste ano é o nacemento do Premio Carlos Valcárcel, para a mellor fotografía feita por universitarios ou participantes no espazo fotográfico do Campus. Este premio xurde como homenaxe a un dos mellores fotógrafos que ten a cidade e estará dotado con 200 euros. Así mesmo, haberá premio de 100 euros para a mellor fotografía de cada tema, outros 100 euros para a mellor fotografía de tema libre e de 175 euros para a película de nivel medio máis alto.
O maratón desenvolverase o día 12 de marzo e o prazo de inscrición xa está aberto, con data de remate o día 7 de marzo.
ExposiciónAdemais, o día 4 de marzo, ás 20:15 horas, inaugurarase a exposición ‘Retrato dun escándalo universal de dereitos humanos. A discriminación e a violencia contra as mulleres’, que mostra, a través de 22 paneis, un amplo abano de temas relacionados coa discriminación e violación dos dereitos humanos que sofren as mulleres en todo o mundo.
Esta mostra está organizada por Amnistía Internacional para resaltar a universalidade dos abusos dos dereitos humanos das mulleres, que coinciden na discriminación.
A mostra estará durante todo o mes de marzo na Biblioteca Provincial de Lugo e poderá visitarse entre as 9:00 e as 21:00 horas. Posteriormente, a exposición estarán durante o mes de abril na Facultade de Administración e Dirección de Empresas.
ConcertoA programación mensual rematará o 27 de marzo cun novo concerto do ciclo Lubicán, na Escola de Formación do Profesorado, ás 21:00 horas. O grupo escollido é El Pararrayos, unha banda de rock conformada no ano 2002 e con 3 CDs na súa carreira. Como sempre, a información sobre estas actividades pode consultarse na web www.lugocultural.com.
O vicerreitor de Cultura, Elías Torre; a concelleira de Economía do Concello de Lugo, Sonia Méndez; o xefe de servizo de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, Rafael López Vizcaíno, e o xerente da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez, foron os encargados de presentar as novas actividades do mes de marzo. Estiveron acompañados por Eduardo Ochoa, que dirixirá xunto a Xurxo Vivero as rutas de sendeirismo, e de Belén Regueiro, voceira de Amnistía Internacional, que explicou o contido da exposición. A responsable da Oficina de Cultura do Campus de Lugo, Paloma Lugilde, foi a encargada de explicar o contido deste programa.