Ir o contido principal

O Ciclo de Teatro Comunitario afronta a súa sétima edición desenvolvendo o proxecto Ad Hoc

As representacións desenvolveranse os días 2, 3 e 4 de abril no Centro Sociocultural de Santa Marta
As representacións desenvolveranse os días 2, 3 e 4 de abril no Centro Sociocultural de Santa Marta

O Ciclo de Teatro Comunitario que organiza a Comisión Cultural da Facultade de Ciencias da Educación e Enlata Teatro inicia na súa sétima edición unha nova orientación para desenvolver o proxecto AD Hoc, cuxa finalidade será reunir a varias compañías de teatro afeccionado para a creación dunha peza por compañía participante. Aínda que cunha nova orientación, o ciclo mantén vixente a súa orientación cara alumnado, persoal da USC e cidadanía en xeral interesada no mundo teatral. A nova liña de acción aposta por unha apertura cara un teatro anovador, de creación, no que as agrupacións poidan establecer contacto con novos modos de facer e afrontar o proxecto. As compañías interesadas en participar deberán traballar no desenvolvemento dunha creación colectiva orixinal ideada e creada especificamente dentro do grupo de traballo, para unha duración escénica de 12 a 15 minutos e coa convivencia entre linguas como eixo temático, cuestión que será tratada libremente por cada compañía. Con esta proposta arredor da produción teatral, os promotores do ciclo buscan visualizar a convivencia entre linguas en Galicia a través da representación escénica así como xuntar a diferentes compañías creando un grupo que traballo que permaneza unido en prol da creación dunha estrutura teatral común na que se insire a peza de cada compañía. O desenvolvemento de Ad Hoc estará relacionado igualmente coa definición dun espazo de representación, debate e expresión aos diferentes grupos teatrais galegos no contexto universitario e coa creación de canles de comunicación entre os grupos de teatro da Universidade e os existentes en Galicia. O desenvolvemento do ciclo permitirá, ademais do intercambio de experiencias e a análise de propostas diversas, achegar a realidade teatral galega e universal ao estudantado universitario e presentala ante o colectivo universitario como unha actividade artística, de lecer e de formación. A mostra do proxecto Ad Hoc desenvolverase no Centro Sociocultural Santa Marta de Compostela os días 2, 3 e 4 de abril. Durante cada xornada o público, dentro dun réxime de aforo reducido, poderá asistir a tres pezas diferentes en espazos distintos da Centro Sociocultural. A entrada para cada peza será de balde e poderá retirarse non puntos que acorde a Rede Municipal de Centros Socioculturais do concello de Santiago así como na secretaría da Facultade de Ciencias da Educación, tanto en Campus Vida como no Campus Norte. No desenvolvemento do ciclo colaboran a Rede de Centros Socioculturais de Santiago, o Colexio de Educadores e Educadoras Sociais de Galicia (CEESG), o grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA), a Rede de Investigación e Formación para a Cidadanía e a Sociedade do Coñecemento (RINEF-CISOC), a MESA pola Normalización Lingüística e a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.03.2014.