Ir o contido principal

O V Ciclo de Teatro Comunitario trae a debate a relación entre educación e teatro

Ao longo de catro xornadas coas súas respectivas representacións, o V Ciclo de Teatro Comunitario volve poñer de actualidade o debate arredor da relación ‘Teatro (é) Educación’, lema destas xornadas que organizan conxuntamente a Comisión Cultural e o grupo teatral da Facultade de Ciencias da Educación de Santiago. Esta é unha iniciativa que procura o achegamento á manifestación teatral de diferentes grupos que desenvolven a súa actividade nas vilas e aldeas de Galicia, e deste xeito reflexionar sobre o significado do teatro na vida asociativa e comunitaria destes núcleos de poboación. A intención do encontro é que as persoas que se inscriban poidan gozar do teatro ao tempo que se crea un espazo formativo que permita reflexionar sobre diversas cuestións relacionadas coa posta en marcha destas experiencias locais e o seu desenvolvemento posterior. Con este obxectivo, ademais de asistir á representación de diferentes obras, as persoas que se inscriban participarán nun ciclo de seminarios e conferencias nos que poderán entrar en contacto cos grupos teatrais para coñecer a súa realidade. O obxectivo principal é concienciar aos futuros profesionais da educación sobre a importancia do teatro como instrumento de innovación educativa na sociedade. A inscrición está aberta ao alumnado e persoal da Universidade compostelá así como a todas aquelas persoas interesadas en asistir ás diferentes actividades programadas. O ciclo celebrarase no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) e no Teatro Principal os días 27 e 28 de febreiro e o 7 e 8 de marzo. Na súa organización colaboran a Rede de Centros Socioculturais de Santiago, o Consello de Relacións Veciñais de Santiago, o Colexio de Educadores e Educadoras de Galicia e o Grupo SEPA.

Máis información en: http://www.usc.es/fcce/cuadriptico_teatro_2012.pdf

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.02.2012.