Ir o contido principal

‘Ciencia á Feira’ sensibiliza sobre as enfermidades transmitidas polas carrachas e a súa prevención en seis municipios lugueses

Os persoal investigador do Campus Terra implicado neste proxecto interxeracional de difusión da cultura científica liderado por Montserrat Valcárcel, desenvolveu ao longo do último trimestre deste ano charlas explicativas con escolares e xuntanzas coa veciñanza
Os persoal investigador do Campus Terra implicado neste proxecto interxeracional de difusión da cultura científica desenvolveu ao longo do último trimestre deste ano charlas explicativas con escolares e xuntanzas coa veciñanza
Persoal investigador do Campus Terra da USC mantivo xuntanzas informativas con escolares e veciños de Mondoñedo, Muras, Burela, Friol, O Incio e Navia
Lugo

O proxecto ‘Ciencia á Feira’ impulsado polo grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC con financiamento da FECYT desenvolveu nos últimos meses unha intensa campaña de sensibilización sobre as enfermidades transmitidas pola carrachas e tamén respecto da súa prevención en seis concellos da provincia de Lugo (Mondoñedo, Muras, Burela, Friol, O Incio e Navia).

Os persoal investigador do Campus Terra implicado neste proxecto interxeracional de difusión da cultura científica liderado por Montserrat Valcárcel, desenvolveu ao longo do último trimestre deste ano charlas explicativas con escolares e xuntanzas coa veciñanza presente en feiras e mercados locais, entre os que repartiron centenares de trípticos con información sobre as carrachas e o seu ciclo de vida, as especies máis importantes en Galicia e a súa localización, os patóxenos que poden transmitir e outras claves de utilidade para evitar a picadura ou, de ser o caso, para extraer este tipo de arácnidos unha vez incrustados na pel de persoas ou animais.

Logo das experiencias vividas ao longo dos últimos tres meses co proxecto ‘Ciencia á Feira’, os investigadores do grupo XuvenCiencia protagonistas neste proxecto de divulgación informal da ciencia salientaron a boa acollida do público, “tanto por parte dos colectivos escolares como polas persoas adultas que acudiron aos postos informativos para consultar dúbidas ou formular cuestións máis específicas ás que tratamos de dar solucións desde o plano teórico”, segundo sinala a profesora da área de Sanidade Animal da Facultade de Veterinaria da USC, Susana Remesar, quen, logo de precisar que “as carrachas non representan problema algún en inverno, porque non sobreviven ao frío e non as hai” cualificou a iniciativa ‘Ciencia á feira’, na que tamén participou persoal médico do HULA, como “unha experiencia fóra das aulas moi enriquecedora para o colectivo docente”.

Xestión sustentable da auga

O programa de ‘Ciencia á Feira’, cuxo marco xeográfico abrangue os concellos de Mondoñedo, Muras, Burela, Friol, O Incio, Navia de Suarna, A Pobra do Brollón e Sober,  afondará no primeiro trimestre de 2024 outro dos tres eixes temáticos que desde XuvenCiencia consideran relevantes na provincia de Lugo no contexto actual de quecemento global e cambio climático, tal e como é a problemática asociada á xestión sustentable da auga. O ciclo da auga, a pegada hídrica e a xestión deste recurso en Galicia serán os contidos incluídos nos obradoiros programados de xaneiro a marzo de 2024 en centros educativos e mercados locais de, nos que diversos docentes e investigadores na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC darán a coñecer modelos de xestión de auga doméstica racionais, así como outro tipo de información relacionada co materiais que se poden empregar para desenvolvelos.

A utilidade histórica dos enxertos para a produción de froitos nas árbores e o concepto de microrriza e a súa función centrarán o terceiro eixe temático do proxecto ‘Ciencia á feira’, cuxas actividades divulgativas se desenvolverán ao longo da primavera en diversas localizacións da provincia de Lugo, no marco de intervencións nas que tamén se desenvolverán experiencias prácticas de microenxertos in vitro de castiñeiro empregando como patrón un híbrido resistente á enfermidade da tinta que afecta a esta árbore.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.12.2023.