‘Ciencia para novos investigadores’ achega esta semana máis de 100 estudantes preuniversitarios á Facultade de Ciencias de Lugo
O ciclo ‘Ciencia para xoves investigadores’, un programa de estímulo de novas vocacións científicas entre o estudantado de ensino medio impulsado por docentes, investigadores e demais persoal da Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC, achega esta semana ao centro universitario lugués máis dun centenar de estudantes de último curso da Eso procedentes do Ies Lucus Augusti e do Colexio María Auxiliadora de Lugo. Esta última quenda de visitas servirá de colofón da edición 2019 dun programa que botou a andar no mes de xaneiro e no que tomaron parte preto de 500 estudantes preuniversitarios procedentes de catorce centros educativos galegos.
A última quenda de visitas á Facultade de Ciencias no marco do ciclo ‘Ciencias para novos investigadores’ comeza este martes 21, a partir das 10.00 horas, nunha xornada que terá como protagonistas ao alumnado do Colexio María Auxiliadora de Lugo. O mércores e o xoves continuará este programa coa visita de dous grupos de estudantes do Ies Lucus Agusti de Lugo.
Todos os participantes nesta iniciativa tiveron a ocasión de coñecer as instalacións universitarias da Facultade de Ciencias de Lugo, así como a súa oferta de estudos e servizos, ao tempo que tamén puideron iniciarse no mundo da experimentación a través do desenvolvemento de diferentes experiencias prácticas no laboratorio.
O programa ‘Ciencia para novos investigadores’ achegou xa desde o mes de xaneiro á Facultade de Ciencias da USC un total de 380 alumnos procedentes de doce centros educativos de Lugo e provincia (Ies Ollos Grandes, Ies Ánxel Fole, Ies San Xillao, Ies A Pinguela de Monforte, Ies Gregorio Fernández de Sarria, CPI Ramón Piñeiro de Láncara, Colexio San José, CPI de Castroverde, Colexio PP. Franciscanos, Ies Xoán Montes, Colexio Divino Maestro e Colexio Maristas-A Inmaculada).