Ir o contido principal

Ciencias achégase ao ensino medio

O profesor Martínez Ageitos, á esquerda, con alumnos de ensino medio nun laboratorio de investigación
Martínez Ageitos, con estudantes nun laboratorio da Facultade de Ciencias
Uns 500 estudantes de 14 centros de ensino secundario da provincia de Lugo visitarán entre xaneiro e maio os laboratorios de investigación da Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC
Lugo

A Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC botou a andar este luns 13 de xaneiro a oitava edición das xornadas ‘Ciencia para xoves investigadores’, un programa de estímulo de novas vocacións científicas entre o estudantado de ensino medio impulsado por docentes, investigadores e demais persoal deste centro universitario do Campus Terra.

O programa desta nova edición das xornadas ‘Ciencias para xoves investigadores’, no que xa formalizaron a súa participación estudantes e docentes de catorce institutos de ensino secundario da provincia de Lugo, comezou coa visita de alumnado dos Ies Poeta Díaz Castro, de Guitiriz, e A Pinguela, de Monforte. A quenda de visitas prolongarase ata o 23 de xaneiro en quenda de 10.00 a 13.30 horas.

As distintas sesións programadas ao abeiro deste ciclo presentan unha estrutura semellante. Así, logo dun breve acto de benvida guiado polo decano da Facultade de Ciencias, Francisco Fraga López e os coordinadores das titulacións do centro (Grado en Enxeñería de Procesos Químicos Industriais e Grado en Nutrición Humana e Dietética), o persoal do centro universitario lugués conducirá sesións prácticas nos distintos laboratorios da Facultade, onde os estudantes poderán realizar os seus propios experimentos.

Os estudantes dos Ies Poeta Díaz Castro e A Pinguela foron os primeiros participantes desta nova edición do ciclo ‘Ciencias para novos investigadores’, no que tamén tamén serán protagonistas alumnos de ensino secundario do Colexio San José, IES Lucus Augusti, CPI Ramón Piñeiro, de Láncara; Colexio María Auxiliadora, IES Ánxel Fole, Colexio Padres Franciscanos, IES Xoán Montes, CPI de Castroverde e Colexio Divino Maestro.

A elevada de demanda para participar nestas actividades de achegamento á investigación que se desenvolve na USC  rexistrada na Facultade de Ciencias obriga a ampliar ao mes de maio a quenda de visitas. Daquela, entre o 25 e o 28 de maio está previsto que visiten a Facultade de Ciencias do campus de Lugo estudantes de ensino medio no IES Basanta Silva, de Vilalba, así como do Colexio Maristas-A Inmaculada e do IES Sanxillao da capital luguesa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.01.2020.