Ir o contido principal

Ciencias 'alimenta' ligazóns coa empresa

Estudantes galardados e responsables da organización do certame, no exterior da Facultade de Ciencias de Lugo
Estudantes galardados e responsables da organización do certame, no exterior da Facultade de Ciencias de Lugo
As graduadas en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais e Nutrición e Dietética Amanda Teles e Marina Perejón acadan emprego tras gañar o I Concurso de TFGs da Facultade de Ciencias
Lugo

A Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC ‘alimenta’ a conexión entre as aulas universitarias e o tecido empresarial da contorna a través do I Concurso de TFGs dos graos de Enxeñaría Química en Procesos Industriais e Nutrición Humana e Dietética, unha convocatoria artellada en colaboración co Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, a Asociación de Dietistas-Nutricionistas Universitarios (Adinu) Galicia e Ingapan Corporación Europastry Galicia e da que resultaron gañadoras Amanda Teles Porto e Marina Perejón García, que gozarán de inmediato dun contrato laboral por un período de seis meses na firma Ingapan.

A candidatura presentada a concurso pola graduada en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais Amanda Teles Porto, na que esta coruñesa proxecta unha instalación para a produción de xeado artesanal, mereceu a máxima cualificación do xurado e acadou así a bolsa de emprego en Ingapan, así como unha gratificación en metálico de 1.000 euros por xentileza do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo. Asemade, a luguesa Marina Perejón García tamén se incorporará ao plantel laboral de Ingapan durante un período de seis meses logo de gañar este concurso cun TFG titulado ‘Máquina expendedora e alimentación saudable. Son compatibles?. Alén desta bolsa de emprego, esta graduada en Nutrición Humana e Dietética na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo tamén recibirá como agasallo unha gratificación de 130 euros por xentileza de Adinu Galicia.

O fallo dos gañadores do I Concurso de TFGs da Facultade de Ciencias da USC, unha iniciativa impulsada pola dirección do centro universitario en co apoio da técnico da Área de Orientación Laboral no Campus de Lugo, Gloria Cruz Amil, fíxose público este mércores no marco dunha sesión na que participaron o decano da Facultade de Ciencias, Francisco Fraga; o decano do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, Jorge Rivera; a presidenta da Asociación de Dietistas e Nutricionistas Universitarios (Adinu) de Galicia, Sheila Castiñeira, e a responsable de Recursos Humanos de Ingapan Corporación, Ana Piñeiro Neira.

Os secretarios dos xurados encargados de fallar os premios en cada unha das titulacións, o profesor no grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industrais Gerardo Pereira Gonçalves e o coordinador do título en Nutrición Humana e Dietética, Jesús Casabiell Pintos, tamén interviñeron nunha cerimonia, na que se avanzou o compromiso de todas as partes implicadas por dar continuidade no tempo a esta convocatoria de TFGs, ao tempo que se alentou aos estudantes de últimos cursos e futuros egresados da Facultade de Ciencias a tomar parte nunha iniciativa que garante unha primeira experiencia laboral retribuída ao tempo que contempla premios económicos.

Outros premiados
Os titulados no grao de Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais Adrián Rodríguez Pardo e Cristian Campos Andión acadaron o segundo e terceiro premio nesta concurso, dotados con premios económicos de 500 e 300 euros, respectivamente, coa presentación de cadanseu Traballo Fin de Grao dunha planta de produción de enerxía a partir de biomasa na comarca dos Ancares e doutra instalación de produción de enerxía a partir de neumáticos fóra de uso. Asemade, a graduada en Nutrición e Dietética Sofía Bouzas Santos tamén recibiu o segundo premio da súa titulación por un TFG no que trata a alimentación na adolescencia.

Alén dos galardóns establecidos nas bases que rexen a convocatoria desta primeira edición do certame, o Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo acordou tamén a concesión de tres diplomas acreditativos ás enxeñeiras Laura Paz Chaves, Silvia Lage Rivera e Tatiana Montenegro Quintana como recoñecemento a “alta calidade” dos TFGs presentado. Estas tres tituladas do Campus de Lugo da USC recibirán tamén como agasallo a insignia da profesión que outorga o órgano colexiado, ademais da posibilidade de gozar de balde da condición colexiadas no Coiti de Lugo durante un ano.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.12.2019.