Ir o contido principal

Ciencias celebra este venres a graduación da cuarta promoción do grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais

A Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC celebrará este venres, a partir das 19.30 horas, no salón de actos José Rodríguez Mourelo, do centro universitario lugués, o acto de graduación da cuarta promoción do grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, guiará esta sesión, durante a que tamén intervirán como relatores o decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos; a concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico do Concello de Lugo, Ana Prieto; o deputado provincial Álvaro Santos, e Julio Rodríguez Olmo, en representación do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo.

A sesión comezará cunha intervención de Tamara Gómez Sandamil e Roberto Rego Freire, en representación do alumnado da promoción 2013-2017 que vén de completar os estudos do grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais. De seguido, o profesor Eugenio Fernández Carrasco, elixido padriño da promoción, ofrecerá unha breve loa aos novos titulados.

Unha vez rematada a quenda de intervencións, a secretaria da Facultade de Ciencias, Aida Jover Ramos, procederá ao chamamento dos 14 novos enxeñeiros desta promoción, que recollerán o seu correspondente diploma e a banda de graduación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.06.2017.