Ir o contido principal

Ciencias da Comunicación colabora no taller de ‘Pitching’ que organiza o Clúster Audiovisual

Por “pitching” (ou facer un Pitch) enténdese a capacidade para saber expresar oralmente unha presentación, un traballo audiovisual o un deseño e poder convencer a un produtor cinematográfico da calidade do produto. Conscientes da utilidade que para o sector audiovisual supón poder contar con formación específica neste campo o Clúster do Audiovisual Galego en colaboración coa Plataforma para a Innovación e Experimentación en Contidos Dixitais da USC organiza un taller que se impartirá na Facultade de Ciencias da Comunicación do 26 ao 30 de setembro. O curso está dirixido a directores de empresa audiovisual ou cinematográfica, axentes de vendas internacionais, emprendedores do sector audiovisual ou multimedia, guionistas, produtores, directores comerciais, director de vendas internacionais e estudantes de xornalismo e ciencias da comunicación, así como calquera interesado na materia. O encargado de impartir este taller é o consultor especializado Paco Rodríguez, fundador de PPM Multimedia, onde traballou na distribución internacional, financiamento de coproducións e na produción executiva de series de animación como Koki, Capelito, Caracolimpicos. Foi produtor executivo de sete longametraxes premiadas con catro Goyas (“O Cid a Lenda”, “Pinocho 3000”, “Nocturna”, “Perez o ratiño dos soños”) e director de Filmax Animation. Na actualidade dirixe Media Training & Consultung, empresa dedicada á formación e consultaría do sector audiovisual e cinematográfico así como de contidos dixitais. Colabora tamén como consultor co Instituto de Comercio Exterior (ICEX) en materia de internacionalización do audiovisual español. Os interesados poden descargar a través do perfil do Clúster en Facebook información do Taller e a ficha de inscrición.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.09.2011.