Ciencias da Comunicación impulsa o curso ‘Escribir para as redes sociais’
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, organiza o obradoiro ‘Escribir para as redes sociais’ que se desenvolverá os días 3, 4, 9 e 10 de maio en horario de 16.30 a 20.00 horas na aula 8 do centro. O prazo de inscrición está aberto ata o 30 de abril a través da Secretaría Virtual. O curso diríxese a alumnado dos graos de Comunicación Audiovisual e Xornalismo.
Formar nos distintos tipos de redes sociais e as súas linguaxes, explicar as utilidades das redes sociais para a comunicación xornalística e audiovisual en lingua galega, así como aprender a redactar con corrección, sinxeleza e concreción en galego, seguindo as especificidades de cada rede social, constitúen os obxectivos deste curso. A inscrición no obradoiro que conta con dez prazas que se cubrirán por orde de inscrición, é de balde.
O cadro docente que conforma esta acción formativa atópase integrado por Ángel Vizoso, docente e investigador da Facultade de Ciencias da Comunicación; Sara Pérez Seijo, doutora pola USC e investigadora experta en xornalismo inmersivo; José Casás, xornalista e docente desta Facultade; Esther Estévez, xornalista e presentadora do programa ‘Dígocho eu’ da TVG; e Alba Mancebo, xornalista no departamento de contidos web da TVG. O curso está coordinado pola vicedecana e secretaria da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación, Alba Silva Rodríguez.