Ir o contido principal

Ciencias Económicas e Empresariais homenaxea este venres ao profesor Andrés Santiago Suárez Suárez

Nacido en Brión, Suárez exerceu como catedrático de Economía Financeira na Universidade Complutense ata a súa morte en 2005

O que fora catedrático de Economía Financeira da Universidade Complutense de Madrid, o galego Andrés Santiago Suárez Suárez, recibirá este venres 28 unha homenaxe na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago. Durante o acto, ás 13:00 horas no salón de graos da Facultade, presentarase o número monográfico da Revista Galega de Economía dedicado á súa memoria e dedicaráselle a aula 15 dese centro.
Asistirán, entre outros, autoridades académicas da USC, decanos e decanas das Facultades de Económicas e Empresariais de toda España, presidente e conselleiros do Consello de Contas de Galicia, representantes dos Concellos de Santiago e Brión, o presidente do Colexio de Economistas de Galicia así como numerosos profesores e amigos do profesor Suárez.
Andrés SuárezO economista galego Andrés Santiago Suárez Suárez, oriúndo de Brión, licenciouse en Ciencias Políticas, Económicas e Comerciais pola Universidade Complutense de Madrid. Logo de acadar varias cátedras en Universidades españolas, en 1973 gaña a da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade Complutense de Madrid, onde permanecería ata a súa morte en 2005.
Entre outros moitos cargos, Suárez foi conselleiro do Tribunal de Contas do Reino, por designación das Cortes Xerais, entre 1982 e 1991. Recibiu ademais o recoñecemento de doutor honoris causa polas Universidades de Santiago de Compostela, Sevilla e Rei Juan Carlos.
Entre as súas obras máis coñecidas destacan Decisiones Óptimas de Inversión y Financiación, Curso de Economía de la Empresa, Diccionario de Economía y Administración e Nueva economía y nueva sociedad. Los grandes desafíos del siglo XXI.
A súa longa estadía profesional en Madrid non lle fixo esquecer nunca as súas orixes galegas, chegando a escribir en galego as obras Luaña. Mitos, costumes e creencias dunha parroquia galega, A regueifa e O Raposo Careto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.11.2008.