Ciencias Económicas e Empresariais será a primeira etapa do Tour Pop Up Emprendedores
A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC é o punto de partida da segunda edición do Tour Pop Up Emprendedores, unha proposta innovadora na que as persoas interesadas poderán acceder a dous días de formación intensiva sobre as competencias necesarias para emprender nun espazo especificamente deseñado para a interacción. A xira que comezará a vindeira semana en Compostela ten programado para todo o ano 2015 un percorrido por sete cidades universitarias españolas e está promovida pola Fundación Telefónica. De carácter gratuíto, os Pop Up Emprendedores consisten en talleres de creatividade, co-working, comunicación e xestión de proxectos que deberán estar orientados á xeración de hipotéticas solucións a problemas reais da súa contorna, de xeito que os seus promotores se converterán en axentes de cambio social. Ao longo dos días 22 e 23 da próxima semana, o evento supón unha oportunidade para mozos e mozas universitarias de aprender a pensar diferentes, espertar a súa creatividade e promover o cambio a través das súas propias ideas e desenvolvendo deste xeito o seu espírito emprendedor. Inicialmente concibido para diferentes grupos de 20 persoas, o itinerario contempla cinco espazos específicos que se reparten ao longo do hall da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, lugar escollido para o inicio do Tour. Reset, é o punto de partida e onde os/as participantes deberán definir as súas ideas e intereses. Inspiración é o seguinte paso, un lugar onde o reto será conxugar os problemas identificados coas afeccións dos/as participantes. O desenvolvemento das propostas realizarase no espazo de co-working, que dará paso ao prototipado dixital, unha aplicación web na que os equipos seguirán un itinerario que lles permitan orientar o seu proxecto cara formatos ‘on line’ e recibir unha suxestión das ferramentas máis eficientes para cada proxecto. Finalmente, en Ágora, cada equipo exporá o seu proxecto. Os Pop Up Emprendedores son o punto de partida dunha relación formativa de ata un ano de duración, xa que o programa Think Big da Fundación Telefónica comprométese a seguir formando ás persoas que presenten ideas, adxudicándolles mentores de entre os empregados do grupo Telefónica que estarán á súa disposición para madurar as ideas e que poidan chegar a converterse en proxectos realizables. As persoas interesadas poden reservar a súa entrada na web.