Ir o contido principal

Ciencias da Educación aborda os múltiples escenarios da violencia en función do xénero

Cartel das xornadas
Cartel das xornadas
O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos do Xénero impulsa dende este xoves 3 de outubro unhas xornadas sobre formación e igualdade
Santiago de Compostela

O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos do Xénero (Cifex) impulsa este xoves 3 e o venres 4 de outubro as XI Xornadas de Formación e III Xornadas Internacionais ‘Educación, Xénero e Igualdade’. Este foro segue unha traxectoria iniciada hai xa máis de tres lustros e analiza, nesta edición, a problemática dos escenarios múltiples de violencia en función do xénero que se dan na prostitución, violencia sexual e trata de mulleres.

O acto inaugural das xornadas terá lugar este xoves ás 9.30 horas e estará presidido pola vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo. Na apertura, está prevista tamén a participación de Susana López Abella, Secretaria Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia; Noa Díaz Varela, concelleira responsable de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas do Concello de Santiago de Compostela; Carmen Fernández Morante, decana da Facultade de Ciencias da Educación; e Rita Radl Philipp, directora do Cifex.

A cuestión da violencia extrema contra as mulleres é, tal e como afirman dende a organización das xornadas, “a gran secuela das sociedades actuais, nunha época onde esta violencia no canto de diminuír parece mesmo ir en aumento e o que preocupa aínda máis é a banalización de certas formas, absolutamente vinculadas a esta violencia extrema contra as mulleres que non se perciben como tales. Este é precisamente o caso da prostitución e, se cabe, especialmente a súa consideración por parte das/os mozos que a consideran unha forma máis de lecer”.

As xornadas están enfocadas cara a unha formación específica e científica na temática mediante a realización de diferentes actividades que requiren, á vez que permiten, unha participación activa das e os asistentes, sobre todo de profesionais e egresadas e egresados e do estudantado da USC. Estas xornadas están financiadas con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.12.2019.