Ir o contido principal

Ciencias da Educación celebra o seu patrón coa entrega dos Sarmientos de Honra

Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
As profesoras Elisa Jato, Cecilia Portela e Rita Radl foron as recoñecidas este ano
Santiago de Compostela

O reitor Antonio López presidiu este luns o acto con motivo da festividade de Frei Martín Sarmiento, patrón da Facultade de Ciencias da Educación. O acto serviu para facer entrega dos Sarmientos de Honra ás profesoras Elisa Jato, Cecilia Portela e Rita Radl, en recoñecemento á súa traxectoria.

O relatorio central do acto correu a cargo de Antonio De Pro Bueno, profesor da área de Didáctica das Ciencias Experimentais, decano da Facultade de Educación da Universidade de Murcia e vicepresidente da Conferencia de Decanas e Decanos de Educación, quen pronunciou o relatorio ‘Repensando a formación e o acceso á profesión docente’.

Premios Extraordinarios

O acto tamén serviu para facer entrega dos diplomas dos Premios Extraordinarios de Grao e Máster do centro no ano académico 2018/2019. Medea Santiago Cameán e María Filloy Jeremías do grao en Educación Social, Ángela González Villa e Ángela Rodríguez Carreira de Pedagoxía, Sara Arias García do grao en Mestra de Educación Primaria, Tamara Valladares de Vera do máster en Investigación en Educación, Diversidade Cultural e Desenvolvemento Comunitario; Noelia Antelo Blanco do máster en Procesos de Formación, Sonia Mandiá Álvarez do máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacherelato, Formación Profesional e Ensino de Liguas, María Luciana Sánchez Iglesias do máster universitario en Igualdade, Xénero e Educación e Valeria Varela López do máster universitario en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educacion Infantil e Primaria foron os galardoados. 

Alén do reitor, tamén tomaron parte no acto a decana Carmen Fernández Morante, a vicedecana Josefa del Carmen Fernández de la Iglesia e a secretaria Cristina Abeal Pereira. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.03.2020.