Ciencias da Educación celebra esta semana a segunda edición do Proxecto AD HOC de creación escénica
O proxecto de creación escénica AD HOC da Facultade de Ciencias da Educación e o seu laboratorio escénico Enlata -que aínda que co seu xermolo en 2007 foi en 2014 cando se puxo verdadeiramente en marcha como ciclo de teatro comunitario– volve esta semana aos escenarios. Nesta segunda edición catro compañías de teatro afeccionado aceptaron o desafío de traballaren en proxectos de creación escénica arredor do tema deste ano, a violencia obstétrica. Así, o xoves 9 será a quenda das pezas ‘Vostede estivo aquí’ de Enlata Teatro e ‘S/T’ de Iliria Teatro, mentres que o venres actuarán as compañías Farrapo Teatro e O aturuxo de Melpomene coas obras ‘Poñer a parir’ e ‘Fábula das galiñas, o gato e o can’, respectivamente. En cada unha das xornadas haberá tres pases por obra, en horario de tarde. As entradas son de balde pero deberanse recoller previamente nas secretarías da Facultade de Ciencias da Educación e nos centros socioculturais de Vite (ata este mércores) e Santa Marta. Xa o sábado 11 terá lugar unha serie de charlas impartidas por persoas expertas no tema a tratar que ademais foron as encargadas de achegar material e documentación para os dossieres sobre os que traballaron as compañías, neste caso a Asociación El parto es nuestro-O parto é noso e EDUCER. O proxecto AD HOC En 2007 a Facultade de Ciencias da Educación da USC iniciou o seu Ciclo de Teatro Comunitario, un proxecto que durante sete anos puxo todos os esforzos no labor de dar visibilidade ao traballo da agrupacións de teatro afeccionadas vinculadas a distintas estruturas comunitarias. Co ciclo xa consolidado, en 2014 e en colaboración con Enlata decidiuse iniciar unha nova liña de traballo que promovese a creación escénica contemporánea no eido do teatro afeccionado. Así foi como, co apoio da Rede de Centros Socioculturais do Concello de Santiago, naceu o Proxecto AD HOC, no que se emprazaba a todas as compañías de teatro afeccionado interesadas a crear unha peza que cumprise con tres condicións: ser unha creación colectiva orixinal en galego ideada e creada especificamente dentro de AD HOC, ter unha duración de entre 12 e 15 minutos e xirar arredor dunha temática dada pola organización. A iniciativa tivo unha excelente acollida reflectida nunha numerosa participación de compañías con espectáculos de altísima calidade. O público cubriu nun 90% o aforo total previsto e valorou con entusiasmo todas as pezas mostradas en diversos espazos (tanto interiores coma exteriores) do CSC Santa Marta. Ademais, AD HOC supuxo a creación dun espazo de convivencia no que todos os participantes coincidiron en resaltar o clima grato de traballo, creatividade e compañeirismo.