Ciencias da Educación converte un papagaio aventureiro nunha ferramenta de transmisión de coñecementos
Un pequeno papagaio aventureiro, Bluffy, visita todas os martes e xoves as instalacións da Asociación Recreativa Cultural Os Tilos (Teo) para axudar os pequenos e as pequenas de entre tres e cinco anos que acoden ao local a empregar o movemento como instrumento privilexiado á hora de adquirir novos coñecementos. Trátase da parte práctica dun proxecto de aprendizaxe e servizo (ApS) desenvolvido este curso escolar por estudantes da materia Didáctica da Expresión e Comunicación Corporal do grao en Mestre/a de Educación Infantil, no que o obxectivo é aprender a empregar o movemento como instrumento privilexiado á hora de conseguir que o alumnado adquira novos coñecementos.
O estudantado crea sesións para que rapazas e rapaces poidan adquirir diversos recursos expresivos, a través dunha aprendizaxe por medio de xogos e dinámicas que melloran a súa expresión corporal e motricidade e a súa capacidade comunicativa; e o conxunto do grupo elabora o proxecto ‘A viaxe de Bluffy’. Nel, un aventureiro papagaio azul precisa a axuda das crianzas para visitar dezanove países en menos de tres meses. Todas as andanzas deste personaxe son elaboradas polo estudantado que, cada mércores, presentan ante compañeiras e compañeiros a súa proposta acompañada dun curto relato. Por medio desta iniciativa o alumnado da materia conseguiu que os seus coñecementos non quedaran só na teoría, senón que os puideron poñer a proba en vivo.
Por exemplo, o 13 de marzo tres mozas animaron un dos grupos interactivos a viaxar a Brasil a fin de axudar a un amigo de Bluffy. Deste modo, durante unha hora mozas e mozos danzaron ao son da música na Rúa Danzarina e fixeron diversos xogos. Días despois, levaron esta situación á asociación colaboradora.
Así mesmo, a través da conta en Instagram @aviaxedebluffy o estudantado conta as experiencias vividas tanto coa asociación colaboradora coma na propia aula. Deste modo, danlles visibilidade aos relatos curtos que actúan como fío condutor e dan voz ás accións promocionais e ás sesións de aula.
Na propia Facultade de Ciencias da Educación tamén se lle deu visibilidade física ao programa elaborando varias instalacións, e durante algúns días globos azuis e o nome de Bluffy encheron a Facultade e o nome do personaxe fíxose coñecido entre o estudantado.
Así mesmo procurouse a colaboración con docentes do centro e organizouse unha doazón solidaria coa finalidade de recadar material solidario para a organización colaboradora. Ata o 31 de maio todas aquelas persoas que o desexen poderán deixar material escolar na conserxaría da Facultade. Posteriormente, estes elementos serán doados á asociación dos Tilos.
A docente coordinadora da iniciativa, Maite Abilleira, explica que “este tipo de proxectos son moi enriquecedores para toda a comunidade universitaria” e subliña que a experiencia deste curso “non sería posible sen o grupo de investigación Esculca que nos respalda, e sobre todo sen o centro onde levamos a cabo este proxecto ApS, a Asociación Recreativa Cultural Os Tilos, o seu persoal é realmente marabilloso”. Tal como lembra a profesora, o alumnado da materia puxo “o seu interese e o seu tempo a disposición desta experiencia tan bonita, é un pracer poder traballar nestas circunstancias tan favorables".