Ir o contido principal

Ciencias da Educación mantén aberta a inscrición para as ‘IV Xornadas diversidade sexual dende a educación’

Cartel das xornadas
Cartel das xornadas
Baixo o lema ‘Interseccións, corpos e vidas’, este foro desenvolverase entre os días 14 e 16 de novembro
Santiago de Compostela

As ‘ IV Xornadas diversidade sexual dende a educación: Interseccións, corpos e vidas’ desenvolveranse na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Vida entre o 14 e o 16 de novembro. Presentar algunhas voces silenciadas dos activismos LGTBI, destruír os tópicos sobre as persoas disidentes sexuais doutras razas ou con outras capacidades, propoñer e analizar o marco da interseccionalidade fronte ao marco da discriminación múltiple, así como fundamentar as implicacións do marco da interseccionalidade no deseño de políticas públicas educativas ou intervencións educativas, son os obxectivos que se perseguen a través deste foro. Esta é unha actividade financiada con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.

O sexo, o xénero ou a orientación sexual non son conceptos analizables de forma estática e transhistórica, non refiren a unha realidade homoxénea e aplicable dun mesmo modo a todas as persoas, afirman dende a organización. Este principio metodolóxico sobre o modo no que nos aproximamos á diversidade sexual e de xénero ten consecuencias no ámbito das políticas públicas educativas que merecen ser analizadas en primeira persoa, feito polo que nace este foro, subliñan.

A raza, a clase social ou a (dis) capacidade interactúan co sexo, xénero ou orientación sexual, producindo contextos xenuínos de vulnerabilidade que deben ser analizados e escoitados atendendo ás súas propias particularidades. Por este motivo, as xornadas deste ano abordarán algunhas destas interseccións que atravesan os corpos con sexualidades non normativas ou xéneros diversos, facilitando espazos de encontro e debate desde unha perspectiva tanto científica como activista, conclúen dende a organización da xornada.

A inscrición pode formalizarse a través desta ligazón. O prazo de inscrición para os asistentes que soliciten recoñecemento remata o día 5 de novembro ás 14:00h. O prazo de inscrición para os asistentes que non o soliciten remata o día 12 de novembro ás 14:00h.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.12.2019.