Ciencias da Educación revisa nunha memoria as actividades das súas comisións de Cultura e de Normalización Lingüística no período 2006-2010
O conxunto de actividades desenvolvidas no período 2006-2010 polas comisións de Cultura e de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación son as protagonistas dunha memoria que acaba de facer pública o centro compostelán. A súa finalidade é “visualizar o esforzo dun importante colectivo integrado por alumnado e profesorado” responsables da promoción das actividades desenvolvidas, sinala Xesús Rodríguez presidente das comisións. A memoria lembra e recompila dun xeito sintético a información, a relevancia e o significado que tiveron as iniciativas promovidas. Ao mesmo tempo, pretende “axudar a destapar e a descubrir novos retos e necesidades –explicou o profesor Rodríguez- aos cales queremos atender nos próximos anos”. As iniciativas desenvolvidas neste tempo tiveron como vocación xerar espazos de formación cos que contribuír ao coñecemento e difusión do patrimonio cultural propio e a promover a normalización lingüística entre alumnado e profesorado do centro. Ademais tamén se incluían actividades dirixidas a apoiar o desenvolvemento da actividade docente das materias e a contribuír a través de conferencias, seminarios e obradoiros á súa dinamización. Como se pon de manifesto na memoria, un importante número de propostas realizouse en colaboración coas comisións doutras facultades e mesmo con grupos e institucións do ámbito educativo doutras universidades. Deste xeito, tanto a intervención cultural como a normalización lingüística contribuíron a estreitar relacións e crear canles de colaboración entre a sociedade e os diferentes escenarios profesionais do alumnado e da facultade, sinala Xesús Rodríguez.