Ir o contido principal

Ciencias da Educación simboliza cunha actuación artística a súa solidariedade con Ucraína

A iniciativa xurdiu no marco da materia do grao de Mestre/a de Educación Infantil, ‘Educación Visual e Plástica: Procesos e Contextos’, impartida polos profesores Gullermo Calviño Santos e Carmen Franco Vázquez. FOTO: Guillermo Calviño
A iniciativa xurdiu no marco da materia do grao de Mestre/a de Educación Infantil, ‘Educación Visual e Plástica: Procesos e Contextos’, impartida polos profesores Gullermo Calviño Santos e Carmen Franco Vázquez. FOTO: Guillermo Calviño
Tomando como referencia a obra da artista catalá Ester Fabregat, fixeron voar cometas que imitaban a forma de pombas brancas como símbolo de paz
Santiago de Compostela

Máis dun cento de alumnos e alumnas de segundo curso de Educación Infantil da Facultade de Ciencias da Educación da USC fixo voar cometas que simbolizaban pombas brancas como acto reivindicativo en apoio á cidadanía de Ucraína. A actividade desenvolveuse nas inmediacións do centro situado no Campus Norte e gran parte dos participantes vestiron de amarelo e azul, as cores da bandeira deste país.

A iniciativa xurdiu no marco da materia do grao de Mestre/a de Educación Infantil, ‘Educación Visual e Plástica: Procesos e Contextos’, impartida polos profesores Gullermo Calviño Santos e Carmen Franco Vázquez. “Na materia traballamos as competencias que os futuros mestres de Educación Infantil teñen que ter relacionadas coa Educación Artística dos máis pequenos”, explican os docentes. “Sempre vinculamos as actividades coa obra dos artistas contemporáneos, preferiblemente con mulleres artistas”, engaden. Baixo esta premisa, o acto reivindicativo que se desenvolveu este xoves inspirouse na obra da catalá Ester Fabregat e a súa performance ‘Air Swimmers’ que bota man de esculturas feitas de aire e bolsas de papel reciclado.

Durante tres semanas os mozos e mozas fixeron o deseño, os patróns e a construción da escultura. “Como o traballo dun mestre de infantil ten que estar relacionada co que ocorre na sociedade, decidimos facer pombas brancas, como símbolo da paz, e voalas nunha acción artística performativa”, conclúen os profesores da materia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.05.2022.