Ciencias Empresariais do Campus de Lugo gradúa a súa XXXI promoción
A XXXI promoción da Diplomatura en Ciencias Empresariais do Campus de Lugo celebrará este venres, 28 de abril, o seu acto de graduación, presidido polo vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus lugués, Pedro García Herradón. Será na Aula Magna da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, a partir das 19:00 horas. Máximo Salinas Valencia, profesor xubilado da Universidade de Santiago e padriño da promoción, pronunciará a conferencia ‘A situación dos Estudos en Ciencias Empresariais na cidade de Lugo’. Salinas é perito mercantil e doutor en Ciencias Económicas e Empresariais pola USC e conta cunha dilatada experiencia no eido da docencia, á que lle dedicou máis de corenta anos, aos que hai que engadir 22 máis de actividade na empresa privada.
Tras o relatorio do padriño, procederase á entrega dos diplomas aos graduados e do recoñecemento ao mellor expediente da promoción, que obtivo Mateo Varela Losada. A continuación, o decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, Luís Gago, abrirá a quenda de intervencións. Alejandro José Pena, en nome dos alumnos; o decano do Colexio Oficial de Economistas de Lugo, Salustiano Velo; Regina Polín, da área de Economía e Facenda da Deputación de Lugo e o alcalde da cidade, José López Orozco, dirixiranse, nesta orde, aos asistentes.