Ciencias Políticas e Sociais aborda os retos da sociedade ante o mundo dixital
A segunda edición das Xornadas de Transferencia Universitaria en Docencia e Investigación Aplicadas desenvolverase o vindeiro 7 de outubro na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC baixo o lema ‘A sociedade ante o mundo dixital’. Organizado polo Grupo de Investigación Social e Políticas Públicas (ISOPOLIS) e coordinado por Bran Barral Buceta e Francisco Eduardo Haz Gómez, o acto inaugural botará a andar ás 9.15 horas. A inscrición pode formalizarse a través dun formulario en liña.
Entre os temas que serán obxecto de análise atópanse o envellecemento e as novas tecnoloxías; cambios, comunicación e riscos na sociedade dixital; ou un obradoiro sobre discriminación dixital. Xa en quenda de tarde, desenvolveranse mesas sobre traballo e mundo dixital e verbo a mocidade investigadora na sociedade dixital.
Tal e como destaca Bran Barral, “o evento centrarase na sociedade dixital e os diferentes ámbitos afectados coas súas particularidades”. Deste xeito, alén de profesorado da USC, interveñen docentes da Universidade de Murcia, integrados na rede EUniWell, a Universidade Europea do Benestar, unha das Alianzas Universitarias Europeas, seleccionada para recibir financiamento da Comisión Europea no marco do programa ERASMUS+. A xornada tamén conta con docentes da UVigo e da UDC, xunto con persoas do terceiro sector e persoal investigador emerxente.