Ciencias rexistra un interese crecente pola súa oferta de graos e ve consolidado o seu máster en prevención de riscos laborais

A Facultade de Ciencias do campus de Lugo está a rexistrar un crecente interese pola súa oferta de estudos de grao e posgrao, unha percepción que tamén se apoia nas estatísticas de matrícula do presente exercicio académico, no que o centro universitario lugués cubriu as 60 prazas de novo ingreso ofertadas no grao de Nutrición Humana e Dietética, o tempo que experimentou un notable incremento da matrícula de alumnos de primeiro curso do grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, título que capacita para o exercicio da profesión de enxeñeiro técnico industrial.
O alumnado matriculado de novo no único grao en enxeñaría impartido na actualidade na Facultade de Ciencias medrou un 60% no curso 2013-2014 respecto do exercicio anterior, no que só 13 estudantes optaron por esta titulación universitaria, fronte aos 21 alumnos/as inscritos este ano no primeiro curso dun grao aínda de nova implantación e do que aínda non saíu ningunha promoción de egresados. O decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos, entende que este repunte do alumnado no grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais pode obedecer ao crecente coñecemento dunha titulación aínda pouco arraigada, ao tempo que desexa que a estabilización do número de matrículas nesta titulación se vai estabilizando á alza nos vindeiros cursos. Martínez Ageitos salienta tamén como posible causa desta evolución positiva da matrícula as distintas actividades promovidas pola Facultade de Ciencias para achegarse ao estudantado de etapas preuniversitarias, tales como as visitas ás instalacións e aos laboratorios de investigación do devandito centro universitario. Martínez Ageitos lembrou neste senso que nas primeiras semanas do mes de novembro pasaron pola Facultade de Ciencias máis de 100 estudantes de ESO e BAC de distintos institutos da capital luguesa. “Con estas visitas os futuros/as universitarios/as poden coñecer de primeira man a oferta de estudos de grao da Facultade de Ciencias e tamén os laboratorios e o instrumental científico do que dispón o centro, ademais dalgunhas das liñas de investigación que se están a desenvolver”, relatou. O decano da Facultade de Ciencias estima que de continuar a actual tendencia de matrícula nos vindeiros anos, o centro contaría cunha poboación estudantil estable nos graos en Nutrición Humana e Dietética e Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais. A esta cifra de alumnado de grao cómpre sumar tamén as estatísticas de titulados que optan por cursar o máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental, un posgrao que mantén unha demanda elevada e estable ao longo dos últimos anos. A implantación do máster en Enxeñaría Industrial, un título universitario para o que a Xunta autorizou retrasar a súa posta en marcha na Facultade de Ciencias ata o curso 2014-2015 e que é o único título ofertado na USC que capacita para exercer a profesión de Enxeñeiro Industrial, tamén podería aumentar no futuro inmediato as estatísticas de matriculados no centro lugués. Máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental O Máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental, un título implantado na Facultade de Ciencias da USC no curso 2005 como posgrao propio e que se convertería en máster oficial a partir do curso 2007-2008, é na actualidade unha opción formativa e de especialización que semella ter garantida a súa continuidade nos vindeiros anos, dado que rexistra unha elevada demanda por parte do estudantado e conta con disposicións orzamentarias comprometidas ata o ano 2019. O coordinador deste posgrao universitario da USC, o profesor Carlos Herrero, relatou neste senso que o Máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental, estruturado en 90 créditos ECTS e que ofrece 22 prazas de novo ingreso, recibe cada ano máis do dobre de solicitudes que prazas de acceso ten dispoñibles. A práctica totalidade das persoas matriculadas no máster son titulados nalgunha enxeñaría, Química, así como en Relacións Laborais e Enfermaría. Doutra banda, a disposición de financiamento para desenvolver este máster tamén está garantida ata o ano 2019, segundo indicou o propio Herrero, quen precisou que a principal achega orzamentaria vén da Deputación de Lugo, aínda que este posgrao tamén recibe partidas de financiamento da Dirección Xeral de Relacións Laborais e do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais. Respecto do interese sostible que está a espertar o máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental da USC, Herrero destacou o carácter semipresencial da formación, a obrigatoriedade de completar prácticas profesionais e a posibilidade de facelo en 30 firmas radicadas en Galicia, ademais da propia habilitación profesional aos titulados/as para exercer como técnico superior de prevención de riscos laborais. Asemade, a Xunta de Galicia tamén ten acreditados aos titulados/as neste posgrao da USC como coordinadores de seguridade e saúde nas obras de construción a aqueles que accederan ao Máster cunha titulación técnica ou superior de enxeñaría ou arquitectura. Estudantes de ensino medio, nun dos laboratorios da Facultade de Ciencias