Científicos alertan do futuro declive da diversidade tropical
A diminución da diversidade tropical que agora se observa no océano non está inducida unicamente polo impacto da actividade humana. Con todo, empeorará considerablemente se non se limita o quecemento climático antropoxénico. Esta é a conclusión á que chega o estudo no que toma parte o profesor da USC Andrés Baselga e que acaba de ser publicado en Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America. A investigación parte de patróns da biodiversidade mariña do pasado para comprender que cambios poden chegar a producirse no futuro.
"A biodiversidade normalmente é alta nos trópicos e baixa nos polos. A este patrón chamámoslle 'gradiente da diversidade latitudinal'. Porén, estudos recentes descubriron que os niveis de diversidade mariña mundiais adoitan mostrar un descenso ecuatorial de diversidade. Queriamos explorar o que causou isto e se foi un patrón recente", explica o autor principal do artigo Moriaki Yasuhara, investigador na Universidade de Hong Kong.
O estudo empregou rexistros fósiles para reconstruír os patróns de biodiversidade oceánica global da última glaciación, hai 20.000 anos, e do período preindustrial antes de 1800. "Estes patróns foron empregados para construír modelos cos que realizar proxeccións da biodiversidade mariña global no futuro, concretamente en 2090", explica Baselga. Usando foraminíferos —un grupo de protistas ameboides— fósiles como "xanela" para ver os ecosistemas peláxicos pasados a través dos seus ricos rexistros fósiles, os autores descubriron un descenso ecuatorial na diversidade durante o período preindustrial, que se agudizará de cara ao final deste século debido ao quecemento climático.
Emisións de CO2
O moderno declive da diversidade tropical comezou probablemente durante o quecemento do clima despois da última idade de xeo hai uns 15.000 anos. Con todo, a magnitude do declive proxéctase que será amplificada mediante o quecemento antropoxénico. A finais do século XXI, a diversidade tropical pode diminuír ata niveis non vistos durante millóns de anos se o futuro se aliña co actual escenario de emisións de CO2.
"Ao usar rexistros de fósiles descubrimos que o descenso da diversidade nas rexións ecuatoriais do océano é causada por cambios na distribución das especies como consecuencia do quecemento do océano despois da última idade de xeo", continúa Chih-Lin Wei, profesor da Universidade Nacional de Taiwán. As zonas peláxicas cobren a gran maioría da superficie da Terra e constitúen o maior ecosistema do planeta. É, asemade, fogar do plancto, que desempeña un papel chave na cadea alimentaria, fundamental para as especies depredadoras cada vez máis ameazadas polo cambio climático e con importantes consecuencias económicas.
"Estes vínculos claros entre o quecemento e a biodiversidade tropical reducida significan que a finais deste século, a diversidade oceánica no ecuador pode caer ata un nivel sen precedentes na historia humana", conclúe Derek P. Tittensor, profesor da Universidade de Dalhousie e tamén asinante do artigo.