Ir o contido principal

Científicos internacionais debaten na USC os últimos achados e avances na área de química orgánica sintética na ECSOC 27

Unha persoa nun laboratorio de investigación da USC. Foto: Santi Alvite
Unha persoa nun laboratorio de investigación da USC. Foto: Santi Alvite
Máis de 175 investigadores de todo o mundo participan como relatores na 27 edición da Conferencia Electrónica Internacional sobre Química Orgánica Sintética (ECSOC), un foro coordinado polos investigadores do grupo de Novas Metodoloxías Sintéticas (SWT) do Campus Terra que se desenvolve en liña do 15 ao 30 de novembro
Lugo

Científicos de todo o mundo debaten os últimos achados e avances na área de química orgánica sintética no marco da vixésimo sétima edición da Conferencia Electrónica Internacional sobre Química Orgánica Sintética (ECSOC27), un foro de debate e intercambio de coñecemento coordinado polos investigadores do grupo Novas Metodoloxías Sintéticas (SWT) do Campus Terra da USC Julio A. Seijas Vázquez e Pilar Vázquez Tato, que cifran en máis de 175 o número de comunicacións presentadas a un envento que se desenvolverá en liña do 15 ao 30 de novembro e que completa a súa programación con sete conferencias plenarias convidadas.

A Conferencia Electrónica Internacional sobre Química Orgánica Sintética (ECSOC) constitúe un innovador recurso en liña que proporciona á comunidade científica unha plataforma aberta, a xeito de conferencia académica sen barreiras xeográficas, para o debate e a discursión no campo da química orgánica. As singularidades propias do formato en liña da ECSOC, cuxo escenario de debate está aloxado nunha plataforma web, favorece e fomenta a participación dunha audiencia diversa e global, sinala Seijas Vázquez, ao tempo que precisa que todas as contribucións científicas recibidas son supervisadas previamente por un comité de expertos.

Os traballos admitidos preséntase logo a debate como carteis electónicos, presentacións de diapositivas ou vídeos, achegas respecto das que as persoas interesadas poden interactuar cos responsables da súa autoría a través dunha plataforma de discusión en liña.  Alén do formato virtual, a interdisciplinariedade é outra das particularidades da Conferencia Electrónica Internacional sobre Química Orgánica Sintética, dado que se trata dun foro que abrangue unha ampla gama de temas dentro da química orgánica sintética, incluída a síntese de novos compostos, o desenvolvemento de metodoloxías novas e a aplicación da química orgánica en diversas industrias e aplicacións.

O novo enfoque sustentable de conferencias académicas que representa a ECSOC permite o acceso libre a todo o material (presentacións, resumos...) e favorece o intercambio científico sen deixar pegada de carbano, salienta o catedrático da USC Julio A. Vázquez Seijas, que se refiere á ECSOC como “unha plataforma inclusiva” que tamén dá conta dos temas tratados coa súa posterior publicación na revista ‘Chemistry Proceedings’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.11.2023.