Ir o contido principal

Científicos de quince países europeos asisten en Santiago á Reunión anual da Acción COST 'Xenobiotics in the Urban Water Cycle'

Financiada pola UE, a Acción COST céntrase na avaliación de compostos xenobioticos en medios naturais e augas residuais para estudar sistemas de tratamento que minimicen o impacto ambiental

A acción COST ‘Xenobiotics in the Urban Water Cycle’, financiada pola Unión Europea, celebra esta semana na Universidade de Santiago a súa reunión anual, á que asistirán preto de cen científicos de 15 países europeos. Esta acción europea ten por obxectivo avaliar a presenza de compostos xenobióticos en medios naturais (ríos, lagos) e nas augas residuais, determinar a súa orixe e estudar sistemas de tratamento de augas que permitan minimizar o impacto ambiental.
A reunión inaugúrase este martes, día 11, ás 9:00 horas no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) nun acto que estará presidido polo vicerreitor adxunto de Investigación, Agustin Merino, e no que intervirán a profesora da Universidade Técnica de Lingby (Dinamarca) Anna Ledin, coordinadora da Acción, e o profesor e director da ETSE Juan M. Lema Rodicio, coordinador para España.
A presenza de compostos xenobióticos nas augas converteuse nun tema de interese publico tras comprobarse os efectos, entre outros, de compostos disruptores endocrinos que afectan ao sistema hormonal dos seres vivos, provocando mesmo cambios de sexo en peixes e organismos acuáticos. Atribuíuse tamén unha diminución de fertilidade de diversas especies á presenza destes compostos.
Actividade investigadora da USCO Grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos do Departamento de Enxeñaría Química da USC traballa neste campo científico deste hai cinco anos no ámbito dos proxectos Poseidon e Triton da Unión Europea e de proxectos financiados pola Xunta de Galicia, polo plan Nacional de Investigación e pola empresa Aquagest, dirixidos polos profesores Juan Lema Rodicio e Francisco Omil Prieto.
En particular, avaliaron a presenza de diversos compostos farmacéuticos nas augas residuais municipais e hospitalarias de Santiago de Compostela determinando as eficacias de eliminación a escala industrial ademais de elaborar un estudo piloto sobre novos sistemas de tratamento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.09.2007.