Científicos de relevancia internacional analizan con investigadores da USC as últimas novidades en Biotecnoloxía
Científicos de relevancia internacional reúnense este xoves e o venres 28 con biólogos moleculares, bioquímicos e tecnólogos de alimentos da USC co obxecto de debater sobre a potencialidade que a Biotecnoloxía ofrece fronte aos novos tempos. Será no transcurso do segundo simposio internacional ‘Biotecnoloxía: novas ferramentas para unha nova era’ que organiza a USC co patrocinio da Fundación Ramón Areces.
O reitor da USC, Senén Barro, presidiu no Salón de Actos de Feuga (Campus Sur) a inauguración oficial do encontro. Ao longo das distintas sesións programadas, os científicos Charles Samuel, Zhiyuan Gong, Robert Wall, Vicente Notario, Donald L. Nuss e Cesar Nombela traerán a debate os últimos avances neste eido.
O encontro, coordinado polos profesores da USC Tomás Villa, Ignacio Zarra, Jorge Barros e Javier Benavente, xurde co obxecto de profundar nas múltiples potencialidades que ofrece a biotecnoloxía, dende a súa aplicación tanto ao campo dos alimentos como ao da loita contra o cancro ou a conservación do medio ambiente.
Os relatorios xa definidos para o programa docente do encontro propiciarán o debate sobre diversas cuestións. Así, profundarase na utilización de estratexias baseadas en nanopartículas para a detección temperá do cancro; nos métodos a usar para a transferencia xénica no gando; no pez cebra como modelo para cancros humanos; na utilización de peixes pequenos de acuario para o desenvolvemento de monitorización do ambiente ou en como incrementar o benestar do gando por aumento da súa resistencia á mastite a través da enxeñaría xenética, entre outros múltiples temas.
ProgramaA activación da resposta antiviral innata foi o tema co que principiou a quenda de intervencións, a cargo do profesor da Universidade de California Charles Samuel, ao que lle seguiu Aaron J. Shatkin, da Universidade Rutgers de Estados Unidos, con dúas sesións nas que se referiu ao capping dos mRNAs na exprexión xénica eucariótica. O profesor da Universidade Nacional de Singapur Zhiyuan Gong completou a exposición da sesión matinal avaliando as cualidades do pez cebra como modelo para cancros humanos.
Robert Wall, do Departamento de Agricultura dos Estados Unidos, realizará unha reflexión sobre os posibles métodos existentes para unha mellor transferencia xénica no gando na primeira das conferencias da tarde, a partir das 16:00 horas. Vicente Notario, da Universidade de Georgetonw, proporá deseguido unha reflexión sobre as estratexias baseadas en nanopartículas para a detección temperá do cancro. O programa do primeiro día rematará coa presenza do profesor da Universidade de León, Juan F. Martín, que se referirá á ensamblaxe e transferencia horizontal no agrupamento xénico para metabolites secundarias.
Vicente Notario abre as sesión dos venres 28, ás 9:30 horas, explicando a marcaxe do Sarcoma de Ewing para radiosensibilización con nanopartículas liberadoradoras de fármacos. Deseguido, Donald L. Nuss, da Universidade de Maryland, reflexionará sobre micovirus que modulan as interaccións planta-fungo. O profesor Gong introducirá un novo tema de debate falando do uso de peixes pequenos de acuario para o desenvolvemento de ferramentas de monitorización do ambiente.
Charles Samuel abre o programa da tarde ás 16:00 horas co relatorio ‘Regulación da expresión xénica por medio de RNAs bicatenarios: dende o interferón ata o silenciamento xénico’. Seguiralle unha intervención de Robert Wall na que presentará unha alternativa de incremento do benestar do gando aumentando a súa resistencia á mastite a través da enxeñaría xenética.
César Lombela porá o peche ás xornadas explicando as novas posibilidades que a biotecnoloxía ofrece para a reprogramación dos circuítos de señalización en levaduras. A clausura oficial do encontro celebrarase ás 19:30 horas.