Ir o contido principal

Científicos da USC fomentan as sinerxías no eido dos materiais moleculares funcionais nun foro con preto de 200 participantes

Os investigadores do CiQUS Félix Freire, María Giménez, Diego Peña e Francisco Rivadulla participaron na organización do evento. FOTO: Santi Alvite
Os investigadores do CiQUS Félix Freire, María Giménez, Diego Peña e Francisco Rivadulla participaron na organización do evento. FOTO: Santi Alvite
A edición número dezaoito desta escola dirixida a estudantes de posgrao de Química, Física e Enxeñaría, así como a persoal investigador mozo, serviu para analizar e debater o estado actual e as perspectivas futuras da investigación que se realiza en España neste ámbito en relación cos seus potenciais usos industriais
Santiago de Compostela

A XVIII Escola Nacional de Materiais Moleculares (ENMM) conformou ao longo desta semana e ante preto de 200 participantes, un foro de aprendizaxe e intercambio de ideas no ámbito dos materiais moleculares funcionais e no que o Centro Singular de Investigación da USC especializado neste ámbito, o CiQUS, desenvolveu un rol central. Así, os investigadores Félix Freire, María Giménez, Diego Peña e Francisco Rivadulla participaron na organización do evento.

Do 20 ao 24 de marzo, este foro dirixiuse a estudantes de posgrao de Química, Física e Enxeñaría, e a persoal investigador interesado en formarse no eido dos Materiais Moleculares e a Nanotecnoloxía. Durante cinco días desenvolvéronse conferencias, seminarios especializados e comunicacións orais, no Hotel Mosteiro San Martín Pinario, de distintas persoas especialistas nesta área. Entre os relatores atopábase Beatriz  Pelaz, investigadora principal do  CiQUS, quen abordou os ‘Nanotransportadores eficientes e intelixentes’.

Obxectivos

Fomentar as interaccións e colaboracións científicas entre os distintos grupos de investigación das Universidades españolas e do CSIC activos no campo dos materiais moleculares é unha das metas que perseguen con este foro. Complementar a formación dos futuros doutores e doutoras nun campo científico que se distingue particularmente polo seu carácter interdisciplinario  e analizar e debater o estado actual e as perspectivas futuras da investigación que se realiza en España no campo dos materiais moleculares en relación cos seus potenciais usos industriais, facendo especial fincapé nas súas aplicacións en Electrónica Molecular, integran tamén a listaxe de obxectivos.

Con 180 participantes a nivel estatal, este foro contou coa colaboración de institucións como o Instituto de Nanociencia da Comunidade de Madrid, o Instituto de Ciencia Molecular da Universidade de Valencia ou o Instituto Catalán de Nanociencia e Nanotecnoloxía, entre outros. Ademais dun intenso e variado programa científico, o evento enriqueceuse tamén con diversas actividades sociais entre as que se incluíu unha visita guiada por Compostela.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.03.2022.