Ir o contido principal

Tres científicos da USC, recoñecidos coas medallas de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias

cDe esquerda a dereita, Alberto Bugarín, Diego Peña e Santiago Lago
cDe esquerda a dereita, Alberto Bugarín, Diego Peña e Santiago Lago
Premian as traxectorias investigadoras de Santiago Lago, Alberto Bugarín e Diego Peña

As traxectorias singulares e consolidadas en investigación desenvolvidas en Galicia e a súa tarefa de divulgación da ciencia e a tecnoloxía galegas valéronlle este ano aos científicos da USC Santiago Lago, Alberto Bugarín e Diego Peña o recoñecemento da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), que acaba de concederlles as súas Medallas de Investigación. Xunto cos profesores e investigadores da USC, recibiron tamén este galardón Antonio Figueras e Pedro Arias, do CSIC e da Universidade de Vigo, respectivamente.

A cerimonia de entrega das medallas terá lugar no acto académico de celebración do Día da Ciencia en Galicia, que organiza a Academia, o vindeiro 8 de outubro no Paraninfo da Universidade.  

Santiago, Lago, medalla Domingo García-Sabell Rivas
O premiado coa medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais da RAGC, foi o catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago, Santiago Lago Peñas (Vigo, 1971), referente internacional no campo do federalismo fiscal e a descentralización. Lago traballou como asesor para organismos internacionais como o Banco Mundial, a OCDE ou o Banco Interamericano de Desenvolvemento e participou no deseño de políticas públicas en España e Galicia.

Formou ademais parte dos equipos redactores dos últimos Libros Blancos do Goberno de España nos ámbitos do financiamento autonómico e reforma fiscal e participou en comisións parlamentarias autonómicas e nacionais ao tempo que asesorou distintos gobernos sobre a implantación de políticas fiscais e económicas. En 2010 fundou o Foro Económico de Galicia, unha plataforma que fomenta o diálogo entre o sector empresarial, o académico e o político. Está considerado un dos economistas máis influentes de España no ámbito da economía pública.

Ao coñecer o premio, manifestou sentirse “moi honrado e feliz, sobre todo polo que supón de recoñecemento da orientación do meu traballo de investigación dende hai tempo, no que sempre tento combinar a análise rigorosa e cuantitativa coa selección de asuntos de política pública relevantes para a contorna galega, española e mesmo europea”.

Alberto Bugarín, medalla Enrique Vidal Abascal
O catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, Alberto Bugarín Diz (Caracas, 1967), foi o gañador da medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación. Bugarín é investigador do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC no que coordina o Grupo de Sistemas Intelixentes, recoñecido como grupo de referencia competitiva da Xunta de Galicia. A súa investigación céntrase en diferentes áreas da intelixencia artificial e as súas aplicacións, como a xeración de linguaxe natural, intelixencia artificial fiable, computación flexible, aprendizaxe automática e a representación do coñecemento e razoamento aproximados.

Coautor de máis de 200 traballos científicos e membro de máis de 60 proxectos de I+D e contratos de innovación e transferencia, coordina o Grao en Intelixencia Artificial, impartido conxuntamente polas tres universidades galegas. É tamén vogal da Asociación Española para a Intelixencia Artificial e secretario da Sociedade Española para o Procesamento da Linguaxe Natural.

Para Bugarín, recibir esta medalla é “unha grande honra que lle agradezo enormemente aos académicos e académicas da RAGC”, mais di non recibila de maneira indidivual senón como “un recoñecemento colectivo ao bo traballo feito polas investigadoras e investigadores do Grupo de Sistemas Intelixentes do CiTIUS da USC nos 35 anos que estamos a piques de cumprir”. “Esta medalla é tan deles e delas coma miña, e quero agradecerlles o seu esforzo por investigar a un moi alto nivel internacional e por crear aplicacións de grande impacto, que son unha magnífica mostra da elevada calidade da intelixencia artificial que desenvolvemos desde Galicia”, salientou.

Diego Peña, medalla Antonio Casares Rodríguez
O catedrático Diego Peña Gil (Santiago de Compostela, 1974), investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), recibe a medalla Antonio Casares Rodríguez, da sección de Química e Xeoloxía, pola súa gran traxectoria científica. Peña abriu unha nova área de investigación en Química Orgánica, tratando de resolver problemas químicos mediante a combinación da química e a ciencia de superficies, que leva á manipulación de moléculas individuais.

Os seus traballos, realizados en colaboración con físicos de distintos países, publicáronse en revistas de alto impacto como Science ou Nature, e abriron novos campos de investigación na fronteira entre a química e a física. Tal como resalta a Academia, “trátase, sen dúbida, dun dos investigadores con maior proxección en Galicia no estudo da Química”.

“Síntome moi ditoso pola concesión da Medalla da RAGC, que ademais leva o nome dun dos meus ídolos científicos, pioneiro da investigación en Galicia e referente para os químicos galegos, o profesor Antonio Casares”, manifestou ao coñecer a concesión do galardón, “que en realidade premia o traballo de todo un grupo de investigación e colaboradores”.

Outros premiados
A Real Academia decidiu ademais premiar a traxectoria de Antonio Figueras Huerta (Vigo, 1957), investigador do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, coa concesión da medalla Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde por ser un referente internacional en patoloxía de organismos mariños, especialmente moluscos.

Tamén na sección de Ciencias Técnicas recoñeceuse a traxectoria de Pedro Arias Sánchez (Lugo, 1965), catedrático de Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e investigador principal do grupo de investigación Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo, coa medalla Isidro Parga Pondal. Quixo a Academia premiar o seu labor ao afondar nos aspectos científicos que presentan as xeotecnoloxías, en particular a xeointelixencia, campo que combina as técnicas e ferramentas relacionadas coa intelixencia artificial coa información xeoespacial. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.10.2024.