Ir o contido principal

O CiMUS acolleu a presentación do ecosistema biotecnolóxico e de saúde galego no III encontro Investir en ciencia si é rendible

Autoridades asistentes á reunión no CiMUS. Foto: Santi Alvite
Autoridades asistentes á reunión no CiMUS. Foto: Santi Alvite
A USC participa esta semana no encontro organizado por Unirisco e Bio&Tech Smart Capital de Noso Capital de posta en valor dos polos de investigación e innovación de Galicia

O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) acolleu este mércores unha das primeiras sesións do III Encontro Investir en ciencia si é rendible que reúne máis de 360 participantes entre persoal investigador e inversor para debater sobre a soberanía tecnolóxica de Europa e o papel fundamental que debe xogar o emprendemento científico como motor da innovación e da Intelixencia Artificial. Esta terceira edición, organizada por Unirisco e Bio&Tech Smart Capital de Noso Capital, conta con 80 conferenciantes, representantes de universidades españolas e europeas e líderes dos ecosistemas de ciencia e tecnoloxía e investimento en España e Europa.

A iniciativa comezou simultaneamente na Coruña e en Compostela, cidade esta última na que o CiMUS acolleu a presentación do Ecosistema Biotech e Saúde de Galicia. Participaron nesta visita o reitor da USC, Antonio López; o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez; a catedrática da USC e directora do centro anfitrión, Mabel Loza; a directora do Idis, Mª Luz Couce; o catedrático da USC e responsable da Fundación Pública Galega Medicina Xenómica que desenvolve o Proxecto Xenoma Galicia, Ángel Carracedo; a presidenta do Clúster Saúde, Rocío Mosquera; o director de investimentos de Unirisco, Pablo Mosquera; e o presidente e CEO de Noso Capital, Antonio Couceiro e Tomás Pérez, respectivamente.

Logo da benvida por parte de Mabel Loza, tivo lugar a presentación dos proxectos Albor Biotech, Batea Oncology, Flowreserve, Naevia Medical e PARP2 - Fundación Kaertor.

A continuación, a comitiva comezou a vista do CiMUS e as súas instalacións para logo trasladarse ao Idis e á Fundación Pública galega de Medicina Xenómica.

Soberanía tecnolóxica de Europa
A participación da Universidade de Santiago, entidade colaboradora do encontro, continuará o xoves no Auditorio Abanca de Santiago, no debate que moderará Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo da USC, sobre se Europa inviste en soberanía tecnolóxica no que participarán Johan Stierna, membro da Unidade de Coñecemento para as Finanzas, a Innovación e o Crecemento do Research Centre of the European Commission; Roberto Ranera, socio fundador de BeAble Capital; José Romano, Investiment Advisor do European Investment Bank; Santiago Ini, membro de Technion (Israel Institute Technology); e Diego Moñuz, socio fundador de Silo.

Público asistente á xornada. Foto: Santi Alvite
Público asistente á xornada. Foto: Santi Alvite
O reitor interveu na presentación do ecosistema do ámbito da saúde. Foto: Santi Alvite
O reitor interveu na presentación do ecosistema do ámbito da saúde. Foto: Santi Alvite
Mabel Loza, directora do CiMUS. Foto: Santi Alvite
Mabel Loza, directora do CiMUS. Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.02.2025.