Ir o contido principal

O CiMUS incorpora a protonterapia como nova liña de investigación

O nova IP do CiMUS, Yolanda Prezado, sinala que se está no medio dun cambio de paradigma na especialidade da radioterapia.
O nova IP do CiMUS, Yolanda Prezado, sinala que se está no medio dun cambio de paradigma na especialidade da radioterapia.
Faino coa incorporación de Yolanda Prezado, científica referente en París neste eido
Santiago de Compostela

O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) amplía as súas áreas de investigación cunha nova liña de estudo, a protonterapia, sumando ao seu equipo a Yolanda Prezado, científica referente en París neste campo. Entre os seus obxectivos atópase catalizar a creación dunha comunidade a nivel autonómico e estatal que permita situar España na vangarda da investigación en radio e protonterapia e radiobioloxía.

“Polos seus profesionais, recursos, funcionamento e localización estratéxica, o CiMUS da USC é o ecosistema idóneo para amplificar a investigación neste campo que estaba a desenvolver no Institut Curie, en París, unha investigación que polo seu carácter transversal vai permitir establecer facilmente sinerxías cos distintos grupos deste Centro Singular. As especialidades en bioloxía, medicina e métodos de Drug Discovery do CiMUS son sumamente interesantes para ser aplicadas no campo da radioterapia”, comenta a científica.

Liñas de traballo

Yolanda Prezado fundou o seu equipo en 2013 no Centro Nacional para a Investigación Científica francés (CNRS) co nome ‘Novos enfoques en Radioterapia’ e integrouse, posteriormente, en 2019, no Institut Curie como líder de grupo en radiobioloxía traslacional. O nome do equipo reflicte claramente a filosofía do seu grupo ao ser a radioterapia uno dos piares do tratamento contra o cancro. A estratexia do seu grupo consiste en modular a resposta biolóxica e, por tanto, dos tratamentos cambiando os parámetros físicos da irradiación. Nesta liña, foron pioneiros no desenvolvemento de novas técnicas de radioterapia, como, por exemplo, a radioterapia con minifeixes de protóns, menos invasiva e máis eficaz ao cambiar radicalmente a distribución espacial da dose. Estas novas técnicas en fase preclínica empregan modos de deposición da dose moi diferente á radioterapia convencional e conducen a unha redución drástica da toxicidade, o cal permite facer unha escalada de dose segura en tumores agresivos e radioresistentes, aumentando así o índice terapéutico.

Traballan tamén na chamada radioterapia Flash, tamén prometedora para o actual tratamento contra o cancro, cuxas vantaxes radican na rapidez de aplicación do tratamento e a redución da toxicidade. A radioterapia Flash administrada de forma moi rápida reduce nalgúns casos a toxicidade nos órganos sans, mantendo a efectividade fronte ao cancro. Outras liñas de traballo son a optimización das combinacións radio-immunoterapia e a alianza da radioterapia e nanopartículas.

Aplicación clínica

O nova Investigadora Principal (IP) do CiMUS lembra que as guías e recomendacións internacionais actuais recomendan a radioterapia para tumores oculares, incluídos os melanomas intraoculares; tumores que se aproximan ou se localizan na base do cranio (por exemplo cordomas); tumores primarios ou metastásicos da columna vertebral nos que a tolerancia da medula espinal poida superarse cun tratamento convencional ou nos que a medula espinal fose sometida previamente a un tratamento convencional; cancro hepatocelular; certos tipos de tumores sólidos primarios ou benignos en nenos tratados (moitos no sistema nervioso central); pacientes con síndromes xenéticas que fan crucial a minimización do volume total de radiación, por exemplo, aínda que non exclusivamente pacientes con NF-1 e retinoblastoma; tumores malignos e benignos primarios do sistema nervioso central; casos de reirradiación (nos que a dose acumulada na estrutura crítica superaría a dose de tolerancia) e algúns outros.

Prezado precisa que as indicacións van ampliarse a medida que se avance nas investigacións e que se vaia adquirindo máis e máis evidencia da potencial vantaxe noutras localizacións.

Cambio de paradigma

O nova IP do CiMUS sinala que se está no medio dun cambio de paradigma na especialidade da radioterapia. “Primeiro porque está a deixar de ser unha disciplina guiada pola tecnoloxía para selo pola bioloxía.  E como tal, a investigación é cada vez máis interdisciplinaria e máis centrada na radiobioloxía e con maior interface con outras disciplinas como a inmunoloxía, a xenética, bioinformática e outras. E segundo, porque as observacións e resultados científicos da última década están a xerar un cambio de mentalidade e de práctica clínica moi importantes. Por exemplo, cada vez téndense a realizar máis tratamentos hipofraccionados (dar doses máis altas en menos sesións), o cal pode ser beneficioso a nivel de resposta e custo do tratamento. Ou cada vez acéptanse máis certas ideas consideradas ‘heterodoxas’ ata hai uns anos, como que para erradicar un tumor non se necesitan doses estritamente homoxéneas”, conclúe a investigadora.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.02.2024.