Ir o contido principal

O CiMUS da USC súmase á rede de centros autorizados para facer probas PCR do SARS-CoV-2

Instalacións do Cimus da USC. Foto: Santi Alvite
Instalacións do Cimus da USC. Foto: Santi Alvite
O Centro de Investigación Singular en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC permanece a disposición da Xunta de Galicia, logo de que o que Instituto de Saúde Carlos III acreditara que cumpre os requirimentos esixidos polo Ministerio de Sanidade
Santiago de Compostela

O Centro de Investigación Singular en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) súmase á rede de centros autorizados para a realización de probas PCR para o diagnóstico do virus SARS-CoV-2. O  Instituto de Saúde Carlos III vén de acreditar que o devandito laboratorio de I+D+i da USC cumpre cos requirimentos de bioseguridade e dispón de medios técnicos, así como de persoal formado en técnicas de bioloxía molecular, tal e como esixe o Ministerio de Sanidade.

Unha vez acadada a validación para a realización destas probas PCR, o CiMUS da USC permanece agora a disposición da Xunta de Galicia, que, de estimalo oportuno, poderá fornecer ao CiMUS da USC de mostras para facer e validar as probas de diagnóstico, a fin de reforzar o traballo que veñen realizando os laboratorios de Microbioloxía do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.05.2020.