Cincocentos estudantes de Medicina asisten en Santiago ao noveno Congreso Internacional de Cirurxía

O Grupo Independente de Estudantes de Medicina (GIME) da USC organiza por noveno ano consecutivo o Congreso Internacional de Cirurxía para Estudantes que reúne estes días en Santiago a cincocentos universitarios de ramas sanitarias de universidades españolas, dos que moitos presentarán novos traballos de investigación.
A inauguración do encontro tivo lugar na Facultade de Medicina nunha cerimonia presidida polo vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández, e á que tamén asistiron o decano da Facultade, José María Fraga; o catedrático e director científico do encontro, Miguel Caínzos; e a presidenta de GIME, Lara Mateo. Deseguido, o profesor Francisco Castro e Sousa, da Universidade de Coimbra, pronunciou a conferencia inaugural.
Nesta nova edición, o congreso mantén o espírito de anos anteriores de incentivar ás novas xeracións de profesionais das distintas ramas biosanitarias para que desenvolvan o seu interese pola investigación. Así, serán os propios estudantes os que a través dos distintos relatorios e pósters realizados en colaboración cos seus profesores expoñan os seus estudos e conclusións.
ProgramaAs sesións científicas do encontro continúan o mércores pola tarde coa lectura de comunicacións orais e o desenvolvemento, ás 18:30 horas, dunha mesa redonda sobre o abdome agudo que presidirá o profesor Potel Lesquereux e moderará Barreiro Morandeira.
Complementariamente ás exposicións que os estudantes farán cada día sobre múltiples aspectos científicos, entre as actividades do congreso destaca unha serie de conferencias maxistrais pronunciadas por especialistas en cirurxía. Así, o xoves ás 12:30 horas será a quenda do doutor Valdés Hernández, que falará do estado da arte da cirurxía plástica, mentres que ás 19:30 horas a doutora Calvache González pronunciará un relatorio sobre a cirurxía do cancro de mama.
Xa o venres 30 terá lugar a segunda e última mesa redonda sobre a asistencia asistencial da cirurxía na que participarán doutores dos principais centros hospitalarios de Galicia. Deseguido, ás 13:00 horas, o profesor Miguel Ángel Cuesta, que desenvolve a súa carreira profesional en Holanda, pronunciará a conferencia de clausura ‘A importancia da vía laparoscópica na cirurxía do século XXI’ para dar paso á entrega de premios ás mellores exposicións.