Ir o contido principal

O cineasta Básel Ramsís, gañador do Premio do Público en Amal'07, imparte na USC un taller de documental árabe

O cineasta exipcio Básel Ramsís impartirá a finais deste mes na USC un taller sobre análise da linguaxe cinematográfica do documental árabe. Co apoio da Fundación Araguaney e o Festival de cine euro-árabe AMAL o taller terá lugar entre os días 27 e 31 na Facultade de Ciencias da Comunicación. Básel Ramsís foi o gañador do Premio do Público en Amal 07 co seu documental ‘Columpios’.
Coa actividade preténdese achegar dunha forma práctica aos estudantes e profesionais galegos do sector un dos xéneros cinematográficos máis desenvolvidos no mundo árabe como é o documental, que destaca pola súa alta calidade.
Promover o diálogo entre as culturas, especialmente neste ano 2008 do Diálogo Intercultural, é outro dos obxectivos do taller que se dirixe ao alumnado de Comunicación Audiovisual da USC e que está tamén aberto á participación dos universitarios de centros que teñan un programa de estudos relacionado co cine, xornalismo, a historia ou a socioloxía, así como a profesionais do sector.
O taller ocuparase da linguaxe cinematográfica de diferentes xéneros e tipos de documental árabe realizado durante os últimos anos, aínda que utilizará como material comparativo algúns españois ou doutros lugares do mundo. A través da análise da linguaxe cinematográfica, ampliada a diferentes documentais, estúdanse os distintos xeitos de achegamento ás realidades ás que se enfrontan os realizadores, e as posibilidades e solucións técnicas e narrativas coas que contan.
En concreto, trataranse os formatos con maior presenza no documental árabe, principalmente social e de autor; o drama e as súas diferenzas cos estilos clásicos e a influencia da ficción; a linguaxe e técnicas no documental árabe tradicional e o seu desenvolvemento cara ao moderno; o falso documental; ou a presenza e utilización das testemuñas e o peso dos diálogos no cine de ficción árabe.
Outras cuestións a tratar serán as diferenzas entre a reportaxe televisiva e a película documental e a presenza dos formatos presentados por Al Jazeera ou Al Arabiya dentro do panorama actual. Ademais, analizarase plano a plano ‘Horizontes’ de Shadi Abdel Salam (Exipto, 1975), un dos documentais de transición da linguaxe cinematográfica e o modelo dramático.
Básel RamsísO realizador e produtor de cine Básel Ramsís (O Cairo, 1973) estudou cine no Cairo e Madrid. Realizou e produciu varios documentais -algún deles para a televisión-, curtametraxes de ficción, vídeo-artes, e as longametraxes documentais ‘El otro lado... Un acercamiento a Lavapiés’ (2002 - Dayra Arts SL) e ‘Columpios’ (2007- Darya Arts).
Actualmente é responsable da empresa Dayra Arts, que traballa sobre o cine e o teatro independentes de baixo orzamento na zona do Mediterráneo. É profesor na Diplomatura de Documentais e o coordinador do Taller de Documental de Baixo Orzamento do NIC-Instituto do Cine de Madrid e temporalmente noutras escolas.
Participou ademais como xurado en varios festivais de cine documental como na cuarta edición do Festival de Cine Africano de Tarifa (abril-maio 2007) e o Festival de Salvador de Bahía (Brasil).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.10.2008.