Ir o contido principal

O cineasta Jesús Garay presenta este martes en Santiago a súa película 'Mirant al cel'

O bombardeo aéreo sobre Barcelona en 1938, como ensaio do que logo acontecería na II Guerra Mundial para aterrar á poboación civil, é o fío condutor na cinta

Recuperar a memoria dos vencidos na Guerra Civil española é unha das intencións do cineasta santanderino Jesús Garay no seu último filme ‘Mirant al cel’. O propio director, xunto cos profesores da USC González Herrán e Xosé Nogueira, participará este martes 27 na súa presentación na USC organizada por Cefilmus.
A proxección, con subtítulos en español, desenvolverase ás 19:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía nun acto no que será presentada polo profesor da Universidade de Borgoña Enmanuel Larraz, e tras a que terá lugar un coloquio con todos os asistentes.
Bombardeo aéreoBarcelona foi a primeira cidade bombardeada dende o aire despois do tráxico episodio de Gernika. Entre o 16 e o 18 de marzo do 38 a cidade condal foi masacrada día e noite deixando mil trescentos mortos e a moitos outros miles de cidadáns sen casa. Tres terribles días que foron determinantes para establecer as bases da II Guerra Mundial e os bombardeos de Dresde, Colonia, Londres, Hiroshima ou Nagasaki.
Con ‘Mirant al cel’ Garay mestura documental e ficción abordando a reconstrución histórica e as estratexias bélicas á vez que homenaxea a unha cidade que fixo súa como é Barcelona. Coas testemuñas de escritores, historiadores, militares republicanos e voces anónimas de cidadáns que miraban ao ceo con terror, Garay reconstrúe no seu relato un dos episodios menos explicados da Guerra Civil española.
Jesús GarayJesús Garay (Santander, 1949) fundou en 1969 o grupo La Fábrica de Cine de Santander, participando na realización de diversos filmes alternativos de carácter colectivo e en formatos non profesionais.
Crítico de cine en diversas publicacións (Destino, Film Guia, La mirada) é autor ademais de dous libros de relatos, Diversas filmaciones e La cosa de Nueva York.
Entre a súa filmografía destaca a longametraxe ‘La bañera’ (1990) pola que gañou o Premio á mellor película no Festival de cine Fantástico de Bruxelas, o do Xurado do Fantasporto e o Premio da crítica do Festival de Sitges. En 1993, con ‘Los de enfrente’ gaña o premio á mellor película da Generalitat de Catalunya e na Mostra Cinematográfica do Atlántico Alcances. No seu haber figuran ademais varias longametraxes e curtametraxes cinematográficas e filmes de ficción para televisión.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.05.2008.