Ir o contido principal

O CiQUS lidera un proxecto do Consello Europeo de Innovación para desenvolver un novidoso axente anticancro

O profesor José Luis Mascareñas e a doutora Lara Villarino lideran o novo proxecto do EIC desde CiQUS. Foto: CiQUS
O profesor José Luis Mascareñas e a doutora Lara Villarino lideran o novo proxecto do EIC desde CiQUS. Foto: CiQUS
MEDiCS, coordinado por José Luis Mascareñas, e dotado con 2,5 millóns de euros, foi un dos 40 seleccionados entre os 416 presentados

Con máis de 400 propostas presentadas desde 39 países, a última convocatoria EIC Transition do Consello Europeo de Innovación foi a máis concorrida ata hoxe. E entre as 40 propostas finalmente seleccionadas atópase MEDiCS, un proxecto liderado polo profesor José Luis Mascareñas que se centrará no desenvolvemento clínico dun novo axente anticancro. O CiQUS suma así o seu segundo proxecto deste tipo e sitúa a Universidade de Santiago de Compostela como a única española, xunto a Universidade Pompeu Fabra, que foi beneficiaria dúas veces deste programa. O consorcio liderado desde o CiQUS obtivo 2,5 millóns de euros para desenvolver a súa proposta durante os próximos tres anos.

MEDiCS é o acrónimo de Anticancer approach based on the Metabolic Disruption of Cancer Stem Cells, un proxecto que pivota sobre o potencial preclínico que demostrou unha familia de complexos metálicos baseados en rutenio para combater certos tumores. O seu obxectivo agora é avanzar na madurez da tecnoloxía completando a fase preclínica, necesaria antes de comezar os ensaios clínicos en humanos. O proxecto buscará mellorar o comportamento deste novidoso composto na etapa preclínica fronte a dous tipos de cancro particularmente desafiantes: o de páncreas, pola súa elevada prevalencia, e o de colon, pola súa alta letalidade, ambos cun enorme impacto na sociedade.

Estes compostos sintéticos de rutenio actúan alterando e comprometendo a respiración mitocondrial nas células nai de cancro, que son as principais responsables de iniciar o tumor, formar metástase e resistir os tratamentos. As células nai de cancro dependen da respiración mitocondrial para obter a súa enerxía e evadir as defensas do sistema inmune, polo que estes complexos metálicos atacan o seu punto máis vulnerable. Este innovador mecanismo de acción non só demostrou ser eficaz para frear a proliferación tumoral en modelos preclínicos, senón que tamén presenta unha baixa toxicidade, o que o fai especialmente prometedor. 

O profesor Mascareñas e Bruno Sainz, xunto aos seus respectivos equipos no CiQUS e no Instituto de Investigacións Biomédicas Sols-Morreale (CSIC-UAM), recibiron no pasado o apoio de Ignicia (Xunta de Galicia) e da Fundación La Caixa para estudar o comportamento deste tipo de axentes anticancro. Alentados por resultados prometedores, decidiron postular a un proxecto do EIC, a pesar de que estas convocatorias son extremadamente competitivas e teñen unha taxa de éxito inferior ao 10%. A selección dos proxectos lévase a cabo en dúas fases: unha preselección baseada na calidade da proposta e, posteriormente, unha esixente entrevista a modo de exame ante un panel avaliador multidisciplinar, formado por seis expertos internacionais.

Ademais dos doutores Mascareñas e Sainz, o equipo de MEDiCS tamén conta con científicos do Institute for Research and Innovation in Health (i3S) da Universidade de Porto e o apoio das empresas MyBiotech e Asphalion.

O programa EIC Transition está deseñado para pechar a fenda entre a investigación en etapa temperá e as innovacións listas para o mercado. O seu obxectivo é avanzar e madurar tecnoloxías prometedoras proporcionando financiamento e asesoramento para demostrar a viabilidade en aplicacións do mundo real e preparar o camiño cara a súa comercialización. A concesión do proxecto MEDiCS é froito do esforzo continuado do seu persoal investigador, resultado de anos de investigación básica e da confianza na súa capacidade para transformar o coñecemento en avances con impacto real.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.03.2025.