O CiTIUS mostra ao alcalde compostelán as liñas de traballo deste centro arredor das tecnoloxías intelixentes

“O concello precisa a USC, Santiago é unha cidade que non se entende sen a súa universidade”, afirmou este xoves o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, nunha visita realizada ao Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS). “Temos que recuperar o concepto de 'UniverCidade', hai que apoiar a investigación e tirar partido dela, aproveitando todas as solucións que poidan mellorar a vida das persoas en Santiago de Compostela”, sinalou o alcalde.
A visita comezou cunha presentación do director científico do centro, Senén Barro, que informou ao rexedor compostelán da organización do ECAI 2020, (o congreso científico de Intelixencia Artificial máis importante de Europa), no que o CiTIUS traballa xa de cara ao vindeiro ano. Asemade, o director científico do centro presentou o estado dos proxectos nos que ambas institucións siguen colaborando na actualidade.
Tras este encontro introductorio, Sánchez Bugallo tivo ocasión de coñecer as últimas novidades de TRAFAIR (‘Understanding Traffic Flows to improve Air Quality’), un proxecto europeo destinado á mellora da calidade do aire no que participan Santiago de Compostela, o CiTIUS e o CESGA, amais doutras cinco cidades e centros de investigación europeos.
Finalmente, un equipo de investigadores do CiTIUS amosaron ao alcalde de Santiago algúns dos últimos desenvolvementos do centro, ao longo dunha visita que incluíu “demostracións tecnolóxicas punteiras de interese para a cidade”, como o seguimento visual automatizado de obxectos e persoas, ou novas técnicas con sensores LiDAR para a identificación de roteiros escolares seguros para peóns.