Ir o contido principal

O CiTIUS recolleu o premio ‘Fernando Calvet Prats’ da RAGC por desenvolver unha tecnoloxía en minaría de procesos e xeración de linguaxe natural

Foto de familia con todas as persoas premiadas. FOTO: RAGC
Foto de familia con todas as persoas premiadas. FOTO: RAGC
O galardón ‘Ricardo Bescansa Martínez’ a un caso de éxito de implantación de tecnoloxía transferida foi para a empresa Diversa Technologies, froito da investigación desenvolvida no IDIS
Santiago de Compostela

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) entregou este mércores 21 no Pazo de San Roque de Santiago os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, convocados coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia. O premio ‘Fernando Calvet Prats’ a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía dun grupo de investigación foi para o Grupo de Sistemas Intelixentes do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), coordinado por Alberto Bugarín. Os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia comprenden tres categorías, premiadas con 6.000 euros cada unha.

O equipo desenvolveu unha tecnoloxía en minería de procesos e xeración de linguaxe natural referente a nivel mundial, proceso que culminou coa creación en 2020 da spin-off InVerbis Analytics, integrada na actualidade por un equipo de 20 persoas. “A minería de procesos é unha disciplina da Intelixencia Artificial que investiga en algoritmos e modelos de datos que permiten descubrir e representar o desempeño real dos procesos nas organizacións, co fin de mellorar a súa eficiencia, posto que todos os procesos informatizados deixan unha pegada dixital nos sistemas de información das empresas”, explican. 

“Estamos moi agradecidos por este recoñecemento a dúas liñas de investigación en Intelixencia Artificial moi consolidadas no noso grupo, que tratan temas de grande impacto e actualidade: a minaría de procesos e a xeración da linguaxe natural. E estamos tamén moi satisfeitos porque en ambos casos se trata de resultados propios que comezaron como investigación básica”, manifestou Bugarín.

IDIS

Pola súa parte, o premio ‘Ricardo Bescansa Martínez’ a un caso de éxito de implantación de tecnoloxía transferida foi para a empresa Diversa Technologies. Nace en 2022 como unha spin-off biotecnolóxica xurdida da Unidade de Nano-Oncoloxía e Terapéutica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), no que participa a USC, e do Servizo Galego de Saúde. A súa orixe baséase na transferencia da nanotecnoloxía desenvolta e patentada polo grupo para  mellorar a distribución e liberación de moléculas terapéuticas e, por tanto, óptima para o desenvolvemento de novos fármacos. 

Unha das fundadoras da empresa, María de la Fuente, salientou que “este premio recoñece o traballo que levamos realizando nos últimos dez anos, nos que desenvolvimos un novo tipo de nanosistemas coa ambición de poder contribuír ao descubrimento de medicamentos innovadores para dar resposta a necesidades médicas non cubertas. Motívanos para seguir a traballar polo avance da ciencia e a tecnoloxía en beneficio da sociedade galega”.

Creación e mellora de actividades empresariais 

O evento contou coa participación do presidente da RAGC, Juan Lema; o vicerreitor de Profesorado da USC, Ernesto González Seoane; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama; entre outras autoridades e persoas académicas da RAGC.

Na súa intervención, o presidente da RAGC indicou que “a Academia recoñece con estes premios un tipo de investigación de carácter orientado que dá lugar á creación ou mellora de actividades empresariais. Temos tres exemplos moi bos de traballos de investigación que son de interese para transferir ou que xa foron transferidos e espertaron o interese da comunidade científica”. 

Finalmente, o premio ‘Francisco Guitián Ojea’ a un traballo de investigación aplicada recaeu no proxecto de desenvolvemento dun fármaco innovador contra o cancro de colon metastático”, dun equipo do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) liderado por Angélica Figueroa.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.10.2023.