Ir o contido principal

O CiTIUS da USC alberga unha exposición sobre as mulleres nas TIC

O CiTIUS da USC alberga unha exposición sobre as mulleres nas TIC
O CiTIUS da USC alberga unha exposición sobre as mulleres nas TIC

Con motivo do Día Internacional das Rapazas nas Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC), o CiTIUS abre unha exposición no centro que repasa as contribucións das científicas e tecnólogas destacadas na historia para facer visible o seu legado e promover vocacións tecnolóxicas entre nenas e mulleres novas. A mostra estará aberta ao público de luns a venres de 10 a 15 horas e de 16 a 19 horas, ata o 31 de maio.

Un número cada vez menor de mulleres escolle estudos relacionados coa enxeñaría ou a informática nun mundo progresivamente máis tecnolóxico, o que se traduce en menos participación feminina nestas profesións e nunha fenda dixital de xénero que exclúe ás mulleres de postos de traballo precisamente mellor pagados. Diante desta situación, e para promover as vocacións tecnolóxicas entre as nenas e mulleres novas, o CiTIUS organiza esta exposición exposición, que repasa algunhas das achegas realizadas ao longo da historia por distintas mulleres adiantadas ao seu tempo.

As mulleres que compoñen a exposición son Ada Lovelace, primeira programadora da historia; Roberta Williams, creadora da primeira aventura gráfica; Ángela Ruiz Robles, precursora do libro electrónico; Katherine Johnson, calculadora da NASA responsable da traxectoria do voo do primeiro estadounidense no espazo; Frances E. Allen, primeira muller en gañar o Premio Turing, o Nobel da computadora; Ana María Prieto López, pioneira galega da programación en España, Hedy Lammar, co inventora do sistema do espectro ensanchado, precursora do Wi-Fi; Grace Hopper, pioneira en linguaxes de programación e creadora do primeiro compilador; as programadoras do ENIAC, o primeiro ordenador de propósito xeral; e Joan Clarke, excepcional criptoanalista de mensaxes cifradas enviadas por submarinos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.04.2019.