Ir o contido principal

O CITMAga traballará polo futuro das matemáticas de Galicia

Coa motivación de fomentar unha cultura colaborativa, que busque a excelencia na investigación, a innovación e a formación, CITMAga aspira a converterse nun centro de referencia estatal e internacional. FOTO: Santi Alvite
Coa motivación de fomentar unha cultura colaborativa, que busque a excelencia na investigación, a innovación e a formación, CITMAga aspira a converterse nun centro de referencia estatal e internacional. FOTO: Santi Alvite
A folla de ruta deste centro que nace como froito da sinerxía entre as tres universidades foi presentada este luns e acometerá retos como a sociedade dixital, vida e sustentabilidade e competitividade industrial
Santiago de Compostela

O Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), impulsado polas tres universidades, deu a coñecer este luns 14 de febreiro a que será a súa folla de ruta para “traballar polo futuro das matemáticas de Galicia”, tal e como sinalou o reitor da USC, Antonio López. Xunto a el, tomaron parte na sesión inaugural os reitores da UDC e da UVigo, Julio Abalde e Manuel Joaquín Reigosa; a decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón; e a directora científica en funcións de CITMAga, Rosa Crujeiras. O CITMAga bota a andar coa vontade de integrar as capacidades científicas do ámbito das Matemáticas, compartindo visión e estratexia e cunha clara aposta pola transferencia de coñecemento. Coa motivación de fomentar unha cultura colaborativa, que busque a excelencia na investigación, a innovación e a formación, CITMAga aspira a converterse nun centro de referencia estatal e internacional, constituíndo unha contorna atractiva para o desenvolvemento científico e profesional.

O reitor Antonio López puxo o foco na sinerxía que supón esta aposta conxunta das tres institucións. Para o reitor da USC, as tres universidades públicas de Galicia compiten en diversos ámbitos pero, por enriba de todo, destaca a colaboración que “nos axuda a facer país”, subliñou. As Matemáticas en Galicia, continuou Antonio López, constitúen un lugar de referencia tanto na investigación básica, como na aplicada. O CITMAga permitirá integrar as capacidades das tres nunha axenda científica común. Para Antonio López, a creación de estruturas “potentes” como o CITMAga resulta fundamental para dotar a investigación dunha estrutura sólida, tamén no relativo ás relacións laborais. Para iso, salientou, “quen financia a investigación ten que ter claro que xa non serven as fórmulas subvencionais”.

Manuel Joaquín Reigosa, reitor da UVigo, destacou, pola súa parte, que a institución viguesa “sumouse con entusiasmo” a esta iniciativa. “Este vai ser un centro de referencia, hai vimbios, e se somos quen de colaborar, vai ser bo para todo o país”, xa que, en palabras do profesor Reigosa, o CITMAga debe constituír “un faro de luz” para toda Galicia. O reitor da UDC, Julio Abalde, definiu a xornada como “un día magnífico para o conxunto do Sistema Universitario de Galicia”. Abalde amosouse satisfeito xa que “as tres universidades fomos capaces de poñernos de acordo nun campo fundamental para calquera país moderno”.

A decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón, destacou, pola súa banda, que esta xornada conforma “un punto na liña do tempo da Facultade, un punto singular”. Vázquez Cendón quixo deixar constancia deste fito brindando o libro de honra do centro á sinatura dos tres reitores xa que, segundo destacou, o CITMAga permitirá “aproveitar o talento senior pero tamén reter a xente máis nova’. Nesta mesma liña pronunciou o seu discurso a directora científica en funcións do CITMAga, Rosa Crujeiras, quen destacou que este é o froito do traballo de varias xeracións con grande recoñecemento a nivel estatal e internacional. “A liberdade académica para a investigación, a excelencia, a igualdade de oportunidades e trato, a sensibilidade cara os retos globais, a colaboración interna e externa, a ética e rendemento de contas, e a responsabilidade social e o compromiso coa Ciencia en Aberto” conforman os valores sobre os que se artella a folla de ruta deste centro, tal e como explicou a profesora Crujeiras.

Programa

A primeira parte da xornada estivo dirixida ao persoal investigador vinculado, persoal investigador en formación, persoal propio e persoal investigador colaborador do CITMAga, e nela Rosa Crujeiras detallou a axenda científica do Centro para o futuro. “A axenda conta con catro áreas de investigación e transferencia, tres delas orientadas a retos globais (sociedade dixital, vida e sustentabilidade e competitividade industrial) e unha área de ciencia e coñecemento que realmente é transversal a todas as demais”, explicou. “Ademais, algo que é moi positivo e que debemos valorar, é que esta axenda permitiu que se interesaran polo centro non só investigadoras e investigadores que veñen do ámbito das matemáticas, senón tamén da física e da enxeñaría”, engadiu.

A continuación, a investigadora Kathryn Hess impartiu a conferencia 'Topology, group theory, and neurons'. A segunda parte do evento consistiu en reunións entre o Comité Asesor Científico Externo (CACE) e o Comité Asesor Industrial (CAI). Xa en quenda de tarde, desenvólvese unha reunión aberta do CACE coa dirección e co persoal investigador.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.02.2022.