Ir o contido principal

Clásicos do Pensamento Universal incorporará no bienio 25-27 novas obras de Kant, Bloch, Beauvoir, Levi-Montalcini e Minsky

O comité científicos de Clásicos do Pensamento Universal reuniuse este luns
O comité científicos de Clásicos do Pensamento Universal reuniuse este luns
A colección conta na actualidade cun fondo de máis de 40 títulos ao que en breve se sumará as previstas para sair do prelo entre 2024 e 2025

O Comité Científico da colección Clásicos do Pensamento Universal acaba de aprobar a súa carteira editorial para o bienio 2025-2027 cun “suxestivo elenco de títulos de diferentes temáticas e cronoloxías que hai que sumar aos máis de corenta volumes da editados” sinala o director de Edicións USC Juan Blanco. En concreto, no transcurso do bienio sinalado verán a luz en lingua galega Que é a Ilustración (1784) e outros textos de Inmanuel Kant; Os reis taumaturgos (1924) de Marc Bloch; O sagrado e o profano (1957) de Mircea Eliade; O segundo sexo (1949) de Simone de Beauvoir; Eloxio da imperfección (1987) de Rita Levi-Montalcini e A sociedade da mente (1986) de Marvin Minsky.

A actual carteira da colección, é dicir, títulos aprobados na reunión anterior do Comité e que sairán do prelo entre 2024 e 2025, está formada por Como facer cousas con palabras (1962) de John L. Austin, Orientalismo (1978) de Edward W. Said; Confesiones de Agostiño de Hipona; O «jackknife», o «bootstrap» e outros plans de remostraxe (1980) de Bradley Efron; Muller e economía (1898) de Charlotte Perkins Gilman e Radioactividade (1935) de Marie Curie.

O Comité Científico de Clásicos do Pensamento Universal, que preside o director da colección Darío Villanueva, está constituído por Carlos Baliñas, José Castillo, Ramón Máiz, Peregrina Quintela, Ofelia Rey, Antón Santamarina, José Sordo e Mª Jesús Taboada. A colección, nacida en 2002, está financiada na súa integridade pola Fundación BBVA, que a co edita coa USC en virtude de convenio asinado orixinalmente en 1999 e renovado en 2022, coa implementación dun plan dixital que incorpora a edición dixital en acceso aberto de todos os títulos dous anos despois de seren publicados en papel.

Para o director de Edicións USC, Juan L. Blanco Valdés, departamento encargado da execución editorial da colección, a colección “mantén dende as súas orixes un ADN puramente universitario, pois os prologuistas e tradutores son sempre docentes e investigadores da casa, e, co xeneroso mecenado da Fundación BBVA, supón unha achega verdadeiramente histórica á cultura contemporánea de Galicia, ademais dun esforzo editorial que, tanto cuantitativa como cualtitativamente, non ten parangón algún”.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.04.2024.