Ir o contido principal

O Claustro aproba as liñas xerais dos orzamentos da USC para 2018

O Claustro aproba as liñas xerais dos orzamentos da USC para 2018
O Claustro aproba as liñas xerais dos orzamentos da USC para 2018
Miguel Alcaraz resultou ademais reelixido como Valedor da Comunidade Universitaria por outros cinco anos máis

O Claustro da USC aprobou este xoves as liñas xerais do orzamento da USC para 2018, que ascendería a 234,92 millóns de euros malia que, como explicou o xerente José Manuel Villanueva, estará condicionado pola inexistencia na actualidade das contas públicas do Estado para o vindeiro ano. Do total, 165,97 millóns de euros pertencen ao capítulo de recursos non afectados e os 68,94 millóns restantes ao de afectados (destinados a unha finalidade concreta). O documento foi aprobado con 92 votos a favor, 53 en contra e 2 en branco.

A proposta debatida este xoves no Claustro apunta a un orzamento que permita, de xeito xenérico cumprir os compromisos financeiros da USC, ao tempo que atender as previsións dos plans de PDI e PAS formulados polo equipo de goberno para o período 2017-2020, axustar os gastos correntes por servizos básicos, continuar incrementando os recursos de servizos e centros ligados á docencia e á investigación ou avanzar na consolidación e mellora das actuacións de investimento, entre outros obxectivos.

O xerente explicou igualmente que o documento presentado é o últimos deste mandato reitoral pero un máis dun ciclo de reequilibrio orzamentario e de amortización de débeda que se estenderá ata o ano 2025. Na presentación explicouse tamén que a venda do solar de Galeras suporá un incremento dos fondos da USC que o equipo de goberno propón dedicar a amortizar a débeda.

Valedor
Na mesma sesión, o Claustro aprobou a renovación do profesor Miguel Alcaraz como Valedor da Comunidade Universitaria, unha función que xa exercía dende a súa primeira elección en 2012. Na presentación da súa candidatura destacou a súa vontade de seguir contribuíndo a mellorar a calidade na USC. O Valedor considera fundamental no desenvolvemento das súas funcións o carácter autónomo e independente do seu labor, condicións ambas que, dixo, foron unha constante durante os cinco primeiros anos do seu exercicio.

Miguel Alcaraz estudou Psicoloxía na USC, onde en 1983 comeza a súa traxectoria como profesor universitario. Á marxe de labores docentes e investigadoras destaca a súa experiencia en distintas tarefas de xestión. Así, foi membro do Claustro en distintos períodos e formou parte da Xunta de PDI, que chegou a presidir, e da Mesa de Negociación dende a súa constitución. Foi ademais director de Departamento e membro do Consello de Goberno da USC en representación dos Directores de Departamento.

Programación
Na mesma sesión, presentouse o documento coa actualización de 2017 das Liñas Xerais da Programación Plurianual 2015-2018 que tamén avalía o alcance dos obxectivos marcados no período 2015-2017. O documento –­igualmente aprobado por 63 votos a favor, 42 en contra e 4 en branco– presenta un informe executivo para cada bloque -planificación para edificios e instalacións; investimentos en infraestrutura de docencia e investigación, plans de investigación, comunidade universitaria...– coa actualización das liñas xerais para 2018, en base á revisión realizada de todas as accións que conforman a programación plurianual.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.11.2017.