Ir o contido principal

O Claustro Universitario aproba as liñas xerais da Programación Plurianual 2019-2022 e as dos Orzamentos 2019

A sesión desenvolveuse na Facultade de Dereito. Foto: Servimav-USC
A sesión desenvolveuse na Facultade de Dereito. Foto: Servimav-USC
Na mesma sesión ordinaria, o Valedor da comunidade universitaria presentou o seu informe

O Claustro Universitario aprobou as Liñas Xerais da Programación Plurianual 2019-2022 con 121 votos a favor, 20 en contra e 13 en branco e as Liñas Xerais dos Orzamentos para o vindeiro ano por 103 votos a favor, 15 en contra e 9 en branco. Na mesma xuntanza celebrada na Facultade de Dereito, o valedor da Comunidade Universitaria, Miguel Alcaraz, deu conta do seu informe anual.

Orzamentos
Así, as Liñas Xerais aprobadas definen un orzamento para 2019 que ascendería a 244,67 millóns de euros. Segundo recolle o documento presentado polo xerente da USC, Javier Ferreira Fernández, “a Universidade non dispón de recursos suficientes para facer fronte ás necesidades globais, polo que cómpre reconducir a situación, garantindo o futuro da institución, cun novo modelo de refinanciamento da débeda e cunha disciplina de gasto que permita xerar aforros, singularmente no ámbito das infraestruturas”.

As liñas presentadas ante o Claustro posúen “carácter provisional na medida en que neste momento, e a diferencia do que ocorreu en anteriores exercicios, non se reuniu a comisión de seguimento establecida no Plan Galego de Financiamento Universitario 2016-2010 e, polo tanto, as magnitudes económicas para a súa elaboración estanse facendo sobre a base do proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia, presentado no pasado mes de outubro”. A esta factor súmase a inexistencia dun proxecto de orzamento do Estado, “o que determina que non haxa previsión certa ningunha sobre cuestións de singular relevancia como son, entre outras, o incremento da masa salarial para o exercicio 2019 ou a porcentaxe de taxa de reposición aplicable ao persoal”.

A proposta de Orzamento para 2019 “pretende ser un instrumento para que o equipo de goberno cumpra os compromisos asumidos no programa de goberno do reitor e afiance a situación económica actual da universidade”. Neste senso, define como obxectivos o refinanciamento da débeda; o investimento estratéxico que xere aforro ou redución de custes no futuro; a normalización e redución dos incrementos producidos nos Capítulo I e VI relativos ao persoal; a redución do gasto corrente en 2 millóns de euros nos próximos catro anos; o incremento dos ingresos mediante a revisión de canons por unha parte, e das tarifas e prezos de servizos prestados; ou a busca de alianzas coas outras universidades galegas, coas administracións locais e co goberno autonómico para compartir recursos que supoñan un aforro e racionalicen os custos.

Programación Plurianual
As directrices xerais da programación plurianual aprobada este xoves polo Claustro contempla a filosofía recollida no plan estratéxico xeral da USC para o período 2011-2020, especificamente no relatorio de ámbitos e liñas estratéxicas. O documento describe as directrices xerais da programación para os vindeiros catro anos materializadas en 36 liñas de actuación con máis de cen obxectivos. O conxunto está ordenado arredor de seis eixo temáticos, comezando coa atención ao estudantado, “pedra angular da institución universitaria. O primeiro obxectivo da USC debe ser ofrecerlle unha formación científico-técnica e cívica de calidade e adaptada aos novos tempos”. O persoal é o seguinte eixo definido, un dos “activos esenciais e unha das principais fortalezas” da USC. Co fin de responder aos novos desafíos é preciso elaborar un plan de renovación do cadro de persoal de PDI e PAS e adaptar medidas de recoñecemento do seu esforzo que reafirmen a súa motivación e o compromiso coa institución”, recolle a programación.

Poñerse ao servizo da sociedade é o terceiro dos eixos temáticos contemplados. Como indicou na presentación do documento o vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica, Gumersindo Feijoo, cómpre impulsar accións e estratexias para consolidar a imaxe da Universidade de Santiago de Compostela na sociedade e para convertela “nun símbolo de coñecemento, cultura e innovación, como motor da sociedade galega e como referente de calidade internacional nun mundo globalizado”. O cuarto dos aspectos recollidos pola programación alude a situar o coñecemento da USC na vangarda. Neste contexto “o avance do coñecemento e a súa contribución ao desenvolvemento da sociedade está no ADN da USC. A nosa oferta académica debe estar en plena consonancia coas demandas e necesidades da sociedade. As estruturas de investigación deberán dar resposta aos retos da multidisciplinaridade, potenciando a fortaleza das cinco grandes áreas”.

“A USC é unha universidade aberta ao mundo, cunha decidida vocación e un enorme potencial de internacionalización. Neste contexto, cómpre traballar de forma resolta e dende todos os sectores da comunidade universitaria no fortalecemento da súa imaxe e visibilidade no exterior”. Esta é a filosofía que sustenta as liñas de actuación e os seus correspondentes obxectivos no eixo ‘ Proxectar a USC polo mundo. O documento complétase coa proposta de implantación dunha xestión intelixente de recursos, eixo que apunta a necesidade de “elaborar e aprobar un novo plan que garanta a estabilidade e sustentabilidade económica no curto e medio prazo, xestionando os recursos con rigor, eficiencia e transparencia. Cómpre avanzar tamén na racionalización da normativa e na mellora dos procedementos”.

Valedor
O Valedor da Comunidade Universitaria, Miguel Alcaraz, deu conta da súa xestión no pasado curso 2017-18, no que se presentaron un total de 55 queixas, a maior parte delas referidas a cinco cuestións: terceiro ciclo, posgrao e formación continua; ámbito laboral; matrícula e procedementos de xestión académica; planos de estudo e recoñecementos, e servizos á comunidade universitaria.

Por sectores, o alumnado é quen presenta a meirande cantidade das reclamacións, seguido en orde por PDI e PAS. Ademais, case o 70% tramitouse nun mes de prazo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.11.2018.