Ir o contido principal

O Claustro Universitario aproba un plan de accións de normalización lingüística co horizonte en 2026

O vicerreitor Gumersindo Feijoo foi o encargado de presentar o Plan de Accións de Normalización Lingüística da USC. Foto: Santi Alvite
O vicerreitor Gumersindo Feijoo foi o encargado de presentar o Plan de Accións de Normalización Lingüística da USC. Foto: Santi Alvite
O reitor, no seu informe, presentou ante o Claustro a proposta de Plan Estratéxico 2024-2026 da institución

O Claustro Universitario aprobou na súa sesión deste luns o Plan de Accións de Normalización Lingüística da USC, que desenvolverá no período 2024-2026 un total de 37 accións repartidas en catro eixos de intervención: xestión, docencia, investigación e proxección. A definición destas propostas parten do diálogo e traballo desenvolvido ao abeiro das comisións de normalización lingüística dos centros, cunha participación activa na súa definición, “síntoma do compromiso de toda a comunidade universitaria a prol da lingua propia da USC”.

O plan, que se aprobou con máis do 80% dos e das claustrais, tamén contempla o compromiso de atinxir un terzo da docencia en galego no ano 2026, como se recolle nas Liñas Xerais do Orzamento deste ano.

No actual curso académico impártense en galego pouco menos do 25% das horas docentes dos graos, se ben no Campus de Lugo esta cifra increméntase ata preto do 34%. No caso dos mestrados, a cifra ascende a unha media do 33%. Segundo os datos do Servizo de Normalización Lingüística da USC (SNL) a presenza do galego mantense estable cunha tendencia ascendente, xa que se no curso 15/16 o número de horas en galego representaba o 21%, neste mantén un 23,9%. Por áreas de coñecemento, as titulacións das áreas de Ciencias Sociais e Xurídicas (46,2%) e Artes e Humanidades (33,3%) acadan os mellores rexistros, seguidas das de Ciencias (27,5%), Enxeñaría e Arquitectura (25,2%) e Ciencias da Saúde (4,5%).

No novo plan o maior número de propostas concéntrase no ámbito da proxección (con 12 accións) e no da xestión (11), e procuran tanto dotar o SNL dos recursos humanos e materiais necesarios para desenvolver as actuacións derivadas como difundir e colaborar cos distintos servizos, áreas e unidades da USC que promoven actividades dirixidas á comunidade universitaria para que actúen como pancas da promoción activa do uso do galego.

Informe reitor
A orde do día do Claustro contemplaba ademais a presentación do informe do reitor, no que Antonio López aproveitou para explicar ás e aos claustrais a proposta de Plan Estratéxico da Universidade de Santiago para o período 2024-2026, documento que entra agora nun período de achegas para que a comunidade universitaria poida expresar o seu parecer a respecto das oito liñas estratéxicas que o conforman: o estudantado e a comunidade universitaria, a formación e a docencia no novo contexto, os retos na política de persoal, a investigación e a innovación como motor de desenvolvemento; a senda da internacionalización, a procura de infraestruturas coeficientes, a transformación dixital e a xestión eficiente dos recursos.

O documento, elaborado por unha Comisión designada polo Consello de Goberno, órgano que terá que aprobar finalmente este plan logo de período de achegas oportuno, responde xa ás novas directrices da lei orgánica 2/2023 do sistema universitario (LOSU).

Cada unha das liñas estratéxicas contempla unha serie de obxectivos a conseguir, coas súas accións correspondentes e os indicadores xerais de cada ámbito cos retos para 2026. Remata este Plan Estratéxico coa definición dos indicadores cuantitativos para a monitorización do plan.

Informe de xestión
Na mesma sesión, o reitor Antonio López deu conta do informe de xestión correspondente ao ano 2023, que coincide co primeiro ano das accións recollidas na Programación Plurianual 2023-2026, e do que o reitor destacou o capítulo da renovación de persoal, “unha das accións nas que se avanzou e debemos seguir avanzado xa que a idade media do noso persoal presenta aínda uns dos valores máis altos das universidades españolas”.
 
Tamén salientou o reitor do pasado ano a incorporación da USC á Alianza Universitaria Europea EUniWell, a Universidade Europea do Benestar, “xa que sitúa os aspectos claves da misión e compromiso da institución nun nivel europeo para os vindeiros anos poñendo o foco en desenvolver unha das liñas de acción prioritarias en Europa como é ter un papel crítico e intermediario na configuración dunha política e unha pedagoxía baseadas na investigación para fundamentar a toma de decisións, reforzar o desenvolvemento de competencias e lograr un impacto na experiencia de aprendizaxe do estudantado e na calidade de vida da cidadanía europea”. Lembrou o reitor que EUniWell ofrecerá oportunidades de mobilidade e colaboración internacional, tanto para o estudantado como para todo o persoal.

A renovación do equipamento informático para o PDI e a incorporación de novo equipamento nas aulas mediante o proxecto UniDigital do Ministerio de Universidades, o traballo inicial para a configuración da Cidade da Saúde así como o compromiso da comunidade universitaria coa optimización dos recursos, o que supuxo unha notable redución do consumo enerxético son outras das accións que se destacan do informe.

Informe Valedor
O Valedor da Comunidade Universitaria, Miguel Alcaraz García, presentou tamén este luns no Claustro o seu informe sobre o curso 2022-2023 poñendo de manifesto a súa satisfacción e recoñecemento “ao constatar o importante compromiso tanto dos órganos da universidade como dos membros da comunidade universitaria aos que lle foi solicitada a súa colaboración”.

Nese curso recibíronse 68 consultas, un número similar ás recibidas nos anos precedentes, coa maior parte da temática referida a aspectos docentes e de avaliación ou sobre procedementos de xestión. En canto ás queixas recibidas, presentáronse un total de 66, das que derivaron 10 recomendacións ás persoas responsables de diferentes instancias ou servizos. Máis da metade das queixas son formuladas por parte do estudantado, e a súa maioría foron resoltas no prazo de 1 mes.

Propostas claustrais
Por último, á sesión claustral presentáronse un total de catro propostas para estudar a súa aprobación, das que unha foi retirada, unha segunda rexeitada e outras dúas transaccionadas. Estas últimas referíanse a prazas de residencias e solucións habitacionais para o estudantado da USC, para a que se acordou que a Universidade tentará buscar novas solucións habitacionais con outras administracións á vez que traballará para poder ampliar a oferta pública de prazas en residencias, e á creación dunha Unidade de Diversidade, unha cuestión que será estudada positivamente no marco da reforma estatutaria que a Universidade ten que afrontar para dar cumprimento ao novo marco normativo estatal.

Outros asuntos
O Claustro universitario completouse coa elección de representantes de estudantes na Mesa do Claustro, no Consello de Goberno e nas comisións do Claustro.

 

 

O Valedor da Comunidade Universitaria, Miguel Alcaraz, presentou o seu informe do curso 2022-23. Foto: Santi Alvite
O Valedor da Comunidade Universitaria, Miguel Alcaraz, presentou o seu informe do curso 2022-23. Foto: Santi Alvite
O reitor Antonio López deu conta do informe de xestión. Foto: Santi Alvite
O reitor Antonio López deu conta do informe de xestión. Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.07.2024.