O Claustro da USC vota este mércores os novos Estatutos
Logo dun debate de preto de sete horas na Facultade de Ciencias da Comunicación, os membros do Claustro Universitario da USC trataron este martes as 133 emendas presentadas ao texto proposto pola Comisión de Desenvolvemento Estatutario que presidiu a profesora Rosa Varela Puga.
Xa estudadas as emendas e votos particulares, a votación final de conxunto dos Estatutos realizarase en urnas este mércores 2 de 11:00 a 13:00 horas. De non acadar unha maioría absoluta, efectuarase unha segunda votación de 17:00 a 19:00 horas.
Do desenvolvemento da sesión extraordinaria de hoxe resultaría, de ser aprobado, un texto conforme ao que obriga a Lei e que, entre outros asuntos, non modifica o sistema de elección do reitor –continúa a ser por sufraxio universal ponderado- e si as porcentaxes asignadas a cada sector na nova composición do Claustro.