Clausura da primeira edición do curso de lingua e cultura galega ‘Camiño de Santiago’
A primeira edición do Curso de Lingua e Cultura Galega ‘Camiño de Santiago’ clausúrase este venres 27 ás 14.00 horas no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia nun acto ao que asisten o coordinador académico do programa e profesor de Historia Medieval da USC, José M. Andrade Cernadas; a xerenta de Cursos Internacionais, Lanzada Calatayud Álvarez; e o xerente do Xacobeo, José Paz Gestoso. O curso organízao Cursos Internacionais da USC en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e a Mancomunidade de Arousa Norte e nel participou un grupo de profesionais brasileiros composto por médicos, enxeñeiros, docentes, pedagogos, empresarios e mesmo a creadora do Festival Internacional Rock in Río, xerente tamén da empresa Mulheres no Camiño. O programa combina o estudo da lingua e da cultura galega cunha estadía de varios días na Illa de Arousa, o Roteiro Fluvial Xacobeo e o Camiño a Fisterra. No campus compostelán recibiron aulas de lingua e cultura galega impartidas por especialistas. Temática Xacobea O Camiño de Santiago atrae cada ano un maior número de estudantes internacionais que chegan á USC para participar en cursos de temática xacobea. No que vai de ano cerca de cen persoas dos Estados Unidos, Canadá, Brasil, Xapón, Reino Unido, Irlanda, Holanda, Australia, Xapón ou Corea pasaron polas aulas da USC para realizar diferentes programas sobre o Camiño. Cursos Internacionais da USC entendeu que o Camiño era un valor diferencial e que existía unha demanda externa de programas de formación neste eido. Tanto universidades estranxeiras como asociacións internacionais de amigos do Camiño buscan programas que combinen o estudo multidisciplinar –historia, arte, literatura, xeografía e gastronomía, etc- e da lingua e da cultura galega e/ou castelá coa experiencia real de percorrer un tramo desta ruta.