Ir o contido principal

Clausura do VIII Curso de Integración Europea. Institucións e Dereito da Unión Europea

O VIII Curso de ‘Integración Europea. Institucións e Dereito da Unión Europea’ celebrará este xoves 15 a súa xornada de clausura na Facultade de Dereito. Dirixido polos profesores Jorge Pueyo Losa e Mª Teresa Ponte Iglesias, catedráticos de Dereito Internacional Público da USC, o curso rematará coa celebración do seminario ‘Do Tratado Constitucional ao Tratado de Lisboa’, no que se examinarán os cambios introducidos polo Tratado de 13 de decembro de 2007 no proceso de integración europea.
Coa presenza do vicerreitor de Relacions Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto, o seminario comezará ás 10:00 horas coa intervención do catedrático de Dereito Internacional Público da Universidade Complutense de Madrid, Manuel Pérez González, que realizará unha exposición xeral dos cambios introducidos na UE polo tratado de Lisboa, para deseguido falar do papel das rexións no proceso de integración europea. Xa pola tarde, a partir das 16:30 horas, Andreu Olesti Rayo, catedrático de Dereito Internacional Público da Universitat de Barcelona, encargarase de analizar a política de inmigración no Tratado de 2007. A continuación, o catedrático de Dereito Internacional Público da Universidade de Murcia, Cesáreo Gutiérrez Espada, presentará un relatorio sobre a posición da UE en relación coa independencia de Kosovo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.05.2008.