Ir o contido principal

Clausurada a décima promoción de Estalmat-Pi Galicia na Facultade de Matemáticas

Por esta edición pasaron 21 participantes, na foto xunto cos responsables de Estalmat-Galicia
Por esta edición pasaron 21 participantes, na foto xunto cos responsables de Estalmat-Galicia

A promoción de 2016 de ESTALMAT-Galicia, Programa para o ESTímulo do TALento MATemático, celebrou esta fin de semana o seu acto de despedida definitiva na Aula Magna da Facultade de Matemáticas. Este acto ten lugar despois de que o alumnado tivera a oportunidade de asistir este ano ao ESTALMAT- p , un programa anual que se lle ofrece aos estudantes que rematan os dous primeiros cursos de ESTALMAT-Galicia para que non perdan o contacto e a afección polas matemáticas. A xornada de despedida comezou cunha sesión especial para o estudantado da promoción e as súas familias que tiveron ocasión de asistir a dúas conferencias sobre a situación dos estudos e da investigación en matemáticas en Galicia e no mundo.

A primeira das conferencias foi impartida pola decana da Facultade de Matemáticas da USC e membro do Comité Organizador de ESTALMAT_Galicia, Elena Vázquez Cendón, co título ‘A pegada da docencia conformando a profesionais das Matemáticas no tempo’. Nela reflexionouse sobre a visibilidade da ciencia e das matemáticas na sociedade, cun percorrido pola historia das matemáticas na USC salientando ás persoas que a fixeron posible, cun especial recoñecemento ás mulleres. Informou ademais dos estudos de grao, dobres graos e másteres que se poden cursar na Facultade compostelá presentando os datos correspondentes de satisfacción e empregabilidade realizado en colaboración co IMAT.

A segunda conferencia estivo a cargo do presidente de ESTALMAT-Galicia e ex-reitor da USC, Juan Viaño, baixo o título ‘O papel das matemáticas no século XXI’. O profesor Viaño centrou a súa charla na importancia desta disciplina ao longo da historia para resolver os problemas da humanidade e da necesidade que teñen os gobernos e os centros de investigación de apostar polas matemáticas, as ciencias computacionais e as disciplinas STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) para facer fronte ás necesidades e retos tecnolóxicos da humanidade na actualidade e no futuro. Rematou a conferencia cunha comparativa dos recursos e dos resultados da investigación en matemáticas que se realiza en España e en Galicia, na que deixou en evidencia que as matemáticas na USC viven o momento máis brillante da súa historia, sendo un dos centros de referencia internacional polo impacto dos nosos resultados.

Ao remate da charla, tivo lugar o acto de despedida formal dos 21 participantes que remataron o curso, 7 rapazas e 14 rapaces, acompañados das súas familias, e no que ademais da decana Elena Vázquez Cendón, e o presidente de ESTALMAT-Galicia, Juan Viaño, participaron a responsable de relación coas familias de ESTALMAT-Galicia, Trinidad Pérez López, o presidente de Asociación Galega de Profesores e Ensinantes de Matemáticas (AGAPEMA), Julio Rodríguez Taboada`, e o presidente da Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación Operativa (SGAPEIO), César Sánchez Sellero.

Entidades colaboradoras
AGAPEMA e SGAPEIO son sociedades galegas colaboradoras do proxecto ESTALMAT-Galicia. SGAPEIO entregoulles como agasallo ás e aos estudantes o libro A Estatística en Caricaturas que recibiron tamén un exemplar do ‘Informe de valoración e proxección dos estudantes egresados do proxecto ESTALMAT-Galicia-Promocións 2007-2015’ que con motivo do seu 10º aniversario acaba de realizar o proxecto coa colaboración do Instituto de Matemáticas e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

O Proxecto ESTALMAT-España está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e o CSIC. ESTALMAT-Galicia conta con financiamento das Deputacións da Coruña e Lugo e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ademais do apoio institucional, cesión das infraestruturas e colaboración do persoal da Facultade de Matemáticas.

Seleccionados polas súas aptitudes matemáticas avanzadas, os e as integrantes da promoción de ESTALMAT-p asistiron durante trece sesións ás actividades de proxecto adaptadas ao desenvolvemento do seu talento logo de xa ter participado nos cursos 1º e 2º do programa oficial de ESTALMAT-Galicia. Estas actividades impártense as mañás dos sábados na Facultade de Matemáticas por un equipo docente de máis de 50 profesores de recoñecida competencia e especialmente formados para este cometido.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.03.2019.