Ir o contido principal

Clausúranse os Cursos de lingua e cultura españolas para estudantes estranxeiros organizados pola USC

O Salón Nobre do Colexio de Fonseca acolle na tarde deste venres, 1 de agosto, ás 18:00 horas, a clausura dos Cursos de lingua e cultura españolas para estudantes estranxeiros e Cursos de formación para profesores de español como lingua estranxeira que se desenvolveron ao longo do mes de xullo organizados pola USC.
O acto contará coa presenza dovicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Pló; a concelleira de Urbanismo do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; e a xerenta de Cursos Internacionais da USC, Lanzada Calatayud.Ao longo de todo o mes de xullo, estudantes e docentes procedentes dos cinco continentes participaron nestes cursos, elixindo a Universidade compostelá entre outras moitas que ofertan este tipo de actividades formativas. Procedían de Portugal, Xapón, Polonia, Canada, Reino Unido, Brasil, Italia, Estados Unidos, Bélxica, Alemaña, Corea, Francia, Suíza, India, Romanía, Arabia Saudí, Indonesia, Noruega, Holanda, Austria , Grecia, Rusia, Malasia e Mozambique.
Outros estudantes viaxaron a Compostela acompañados polos seus coordinadores ao abeiro de programas establecidos entre a USC e as súas universidades ou centros de estudo de orixe como a Universidade Católica do Rio de Janeiro, a University of Southern Maine (EEUU), a Hosftra University de Nova Iorke (EEUU), a Metropolitan State College de Denver (EEUU), o Loras College de Iowa (EEUU), a British Columbia University (Canadá) e o Concello de Milán (Italia).Cómpre subliñar o traballo desenvolvido polos docentes estranxeiros tanto de ensino primario como secundario que asistiron aos programas de formación para profesores de español como lingua estranxeira, que organizou Cursos Internacionais en colaboración co Ministerio de Educación, Política Social e Deportes e a Embaixada de España nos Estados Unidos, Canada, Marrocos, Polonia, Alemaña, Reino Unido e Italia, entre outros.
Todos os participantes recibiron clases de lingua e cultura e, no caso dos profesores, tamén de didáctica e metodoloxía do ensino do español á vez que participaron nun amplo programa de actividades culturais que lles achegou á cidade e a Galicia.
Concurso Compostelando Na clausura concederanse os premios da primeira edición do Concurso de Fotografía Compostelando, que tiña como obxectivo recoller as imaxes que, desde o punto de vista dun estudante estranxeiro, reflectisen a vida na universidade compostelá e na cidade. O xurado, composto polo vicerreitor de Cultura da USC, o xerente de Santiago Turismo e a xerenta de Cursos Internacionais, fallou o primeiro premio para a obra ‘Santiago é a paz deste sorriso’, sendo finalista a obra ‘Unha fermosa tarde composlendo’. Pola calidade das fotografías presentadas outorgaranse ademais dúas mencións especiais, a Mención Turismo de Santiago para ‘¿Qué pensaría Fonseca se estivese vivo?’ e mención especial do xurado á mellor idea titulada ‘Na alameda’.
Como colofón ao acto de clausura terá lugar, ás 18:45 horas, a actuación no propio claustro de Fonseca do grupo de baile e música tradicional Brincadeira, para que así os estudantes vivan unha experiencia histórico-cultural a través da posta en escena dos bailes e cantos galegos tradicionais froito da recuperación da tradición oral.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.07.2008.