Ir o contido principal

Clausúrase o congreso internacional ‘Espazos globais e seguridade: estratexias de resposta española’

O congreso internacional ‘ Espazos globais e seguridade: estratexias de resposta española’ que leva desenvolvéndose dende a pasada semana na USC clausúrase este venres 19 ás 13.00 horas na Facultade de Dereito.

Trátase dunha actividade promovida polo Centro de Estudos de Seguridade (CESEG) e o Grupo de Estudos Internacionais (GRESIN) e dirixida polos profesores José Julio Fernández Rodríguez, Rafael García Pérez e Isabel Lirola Delgado. O cadro de relatores/as inclúe destacados expertos/as nacionais e internacionais do ámbito académico, profesional e dos corpos de seguridade do Estado.

Os promotores do congreso parten da idea de que a seguridade do século XXI está sometida a “ riscos e ameazas de diversa índole que presionan a calidade das nosas democracias. Os poderes públicos vense obrigados a articular respostas que enfronten esta situación e a intenten superar”. Neste senso, opinan ademais que “España, como nación relevante na orde internacional e emprazada nun lugar estratéxico, debe afrontar tamén este desafío con rigor e seriedade, para o cal se teñen aprobado diversas estratexias” coas que facer fronte aos principais problemas que suscita a seguridade nacional.

Tras tres xornadas de actividade, o congreso conclúe cunha sesión dedicada á análise das Estratexias de Seguridade Marítima da OTAN, UE, Alemaña, Dinamarca e Reino Unido a cargo do almirante na reserva Fernando del Pozo e os profesores Birgit Feldtmann (Universidade de Aalborg, Dinamarca) e Ioannis Chapsos (Universidade de Coventry, Reino Unido). Rematarase ás 12.30 horas cunha conferencia do embaixador en misión especial para a Seguridade Marítima, Ramón Abaroa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.10.2018.