Clausúrase este venres o II Congreso Ibérico de Estudantes de Medicina
O segundo Congreso Ibérico de Estudantes de Medicina (CibEMe) que reúne en Santiago a trescentos alumnos desa titulación de España e Portugal celebra este venres 31 a súa última xornada logo de dous días nos que os futuros médicos e expertos compartiron experiencias académicas.
Trátase do único congreso de estudantes de Medicina exclusivamente ibérico que naceu o pasado ano coa finalidade de permitir unha maior cooperación entre as Facultades de Medicina, os centros de investigación e as comunidades científicas de ambos os dous países.
A sesión do venres dará comezo cunha mesa sobre os novos camiños en cardioloxía na que intervirán Carlos Peña, Luís Martínez, Carlos Calvo, Pilar Mazón e José García Acuña, todos eles do CHUS; o xefe do Servizo de Cirurxía Cardíaca do Hospital Clinic Barcelona, José Luis Pomar; e o catedrático de Cardioloxía da USC, José Ramón González Juanatey.
Xa pola tarde, a partir das 16:00 horas, terá lugar o último panel sobre investigación transnacional no que participan o profesor de Reumatoloxía da USC, Juan Gómez Reino; o catedrático de Terapéutica e Farmacoloxía Clínica da Universidade de Porto, Patrício da Silva; o director de Estudos Estratéxicos e Innovación de Genoma España, Miguel Vega; e o director xeral do Instituto Roche, Jaime del Barrio.
O encargado de pechar o encontro, ás 18:30 horas, será o catedrático de Anatomía Patolóxica da Universidade do Porto Daniel Serrão, coa conferencia ‘ABioética nunha encrucillada’. A continuación entregarase o Premio Cibeme’08.